Nova: A Xunta vincula Galicia e Cádiz cunha exposición fotográfica centrada na cultura do mar

07/03/2025
A Xunta vincula Galicia e Cádiz cunha exposición fotográfica centrada na cultura do mar
Despois do seu paso por varios puntos da Comunidade, a proposta chega ao sur de España cunha selección das 4.000 imaxes dixitalizadas das cofrarías de pescadores
As instantáneas recollen desde transformacións paisaxísticas e o tempo de lecer ata os oficios relacionados co mundo marítimo
López Campos destaca que a iniciativa “supón ilustrar un dos vínculos que temos en común, símbolos da nosa identidade máis arraigada, como son o mar e pesca”
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Casa de Galicia da localidade gaditana de El Puerto de Santa María a exposición fotográfica Memoria do mar de Galicia, xestada a partir dun proxecto do Museo do Mar en colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e que agora se expande fóra da Comunidade.
Neste senso, o responsable de Cultura da Xunta celebrou a chegada desta mostra a este espazo do sur de España “porque supón ilustrar un dos vínculos que temos en común Galicia e Cádiz, símbolos da nosa cultura e identidade máis arraigada, como son o mar e pesca”. Ademais, durante o acto, lembrou que esta recompilación de imaxes relacionadas co mar e as súas xentes, reflicte “o compromiso do Goberno galego por conservar a nosa memoria e entender a nosa historia”.
Así, tras pasar por diversos puntos de Galicia, tal e como explicou López Campos, a exposición que se poderá visitar agora en Cádiz é unha adaptación do proxecto Memoria do mar, no marco do que se dixitalizaron os fondos fotográficos de 24 confrarías de pescadores, recollendo preto de 4.000 instantáneas. Trátase de imaxes que versan sobre a perspectiva de ocio e goce do mar, sobre as transformacións paisaxísticas e o crecemento urbano das vilas costeiras a partir dos areais e os peiraos, e sobre os oficios relacionados co mundo marítimo.
Este tipo de mostras, apuntou o conselleiro de Cultura, “teñen unha grande importancia a nivel divulgativo porque son unha maneira cercana de achegarse ao público e proxectar a nosa cultura tanto dentro como fóra de Galicia”.