Nova: A Xunta abre o prazo para que os profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades fóra de Galicia durante 2025

08/03/2025
A Xunta abre o prazo para que os profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades fóra de Galicia durante 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000 € a esta convocatoria dirixida a persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras
O financiamento dos gastos da viaxe van desde os 500 € se é para desprazarse por España, 900 € por Europa e ata os 1.600 € para acudir a eventos do resto do mundo
A liña de subvención abrangue a asistencia a feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías para favorecer a creación e a promoción do libro galego
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2025
A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os diferentes profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades de difusión e comercialización fóra de Galicia que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro deste ano, e para o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000 €.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia e aberta ata o 1 de xullo, vai dirixida a persoas escritoras, ilustradoras e editoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, como feiras, festivais seminarios, encontros, obradoiros e estadías como medio de favorecer a creación e a promoción do libro en galego. As solicitudes poden presentarse e de xeito presencial ou a través da sede electrónica da Xunta.
Deste xeito, son obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a estes eventos fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante. No caso concreto das empresas editoras, poderán designar ata dúas persoas para que asistan a unha mesma actividade ou a diferentes cada unha delas, sempre que o traballar non acuda a máis de dúas.
O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte que inclúen axudas desde os 500 €, se o desprazamento é dentro de España, aos 900 € se son para participar en accións de creación e promoción do libro galego por Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo, e ata os 1.600 € para a asistencia deste tipo de actividades polo resto do mundo. En todo caso, a orde de axudas recolle que este importe pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, polo que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.
O ano pasado beneficiáronse desta partida específica para o sector do libro unha trintena de profesionais para asistir a citas en Madrid, Barcelona, Granada ou Xixón, así como a eventos internacionais en México, Italia, Alemaña, Francia, A Arxentina, Suíza ou Kenya.