Nova: Catro películas con produción galega, nas carteleiras españolas esta fin de semana
08/05/2015
Catro películas con produción galega, nas carteleiras españolas esta fin de semana
'As altas presións’, ‘A Esmorga’, ‘Maimiño’, e ‘A cambio de nada’ coinciden o 8 de maio na súa estrea nos cines
Santiago, 8 de maio de 2015.- As películas galegas ‘As altas presións’, de Matriuska Producións, ‘A Esmorga’, de Vía Láctea Filmes, ‘Maimiño’, de Ficción Producciones, e ‘A cambio de nada’, coproducida por ZircoZine, inician hoxe 8 de maio a súa distribución nos cines españois, o que suporá a coincidencia nas próximas semanas nas carteleiras comerciais de catro títulos con produción galega de moi diversos xéneros.
‘As altas presións’, que realizou onte a súa preestrea na sala Numax de Santiago de Compostela nos cines Zoco de Majadahonda (Madrid), é unha longametraxe con dirección e guión de Ángel Santos que se presenta como unha viaxe arredor do desarraigo, o cine e o amor. Interpretada por Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco, Marta Pazos, Hugo Torres, Xabier Deive, Fernando Epelde, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Borja Fernández, Pablo Piñeiro, Bea Campos e Unicornibot, a fita obtivo o premio do xurado ‘Las nuevas olas’ á mellor película no Festival de Sevilla.
A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor ‘A Esmorga’, con dirección de Ignacio Vilar e con Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde no elenco protagonista, inicia tamén hoxe o seu percorrido por diferentes cinemas de Cataluña, Euskadi, Madrid e Navarra, aos que chegará tanto na súa versión dobrada como na orixinal subtitulada. Este traballo, gañador de seis Premios Mestre Mateo 2015, comezará así a súa viaxe fóra de Galicia, onde xa superou os 60.000 espectadores e chegou ás 15 semanas en carteleira. ‘A Esmorga’ foi tamén o primeiro filme rodado en galego que conseguiu situarse entre os finalistas aos Premios Goya, aos que optou na categoría de mellor guión adaptado. Trátase dunha crónica tensa e intensa sobre as vinte e catro horas de esmorga que Cibrán ‘o Castizo’, Milhomes e o Bocas comparten na localidade de Auria, trasunto literario de Ourense.
Tamén animación
O público familiar terá, así mesmo, unha nova proposta desde as salas de cine con ‘Maimiño e o espello máxico’ (‘Meñique’ para o circuíto español), primeira longametraxe de animación galego-cubana, producida pola empresa galega Ficción e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC). A fita, distinguida como mellor longametraxe de animación na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, leva á pantalla grande unha versión libre do conto ‘Polgariño’ baixo a dirección do cubano Ernesto Padrón e co galego Bruno López como director convidado. Con banda sonora orixinal de Silvio Rodríguez e música de Manuel Riveiro, ‘Maimiño’ conta con Xoán Curiel na interpretación das cancións en galego. As voces dos personaxes principais corresponden a destacados nomes do panorama audiovisual galego e español: María Castro, Javier Rey, María Pujalte, Carlos Blanco, Tucho González, Luis Iglesia, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros.
A estes tres filmes anteriores, realizados co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través das axudas á produción e coprodución audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, súmase no seu encontro co público a película ‘A cambio de nada’, a grande triunfadora do pasado festival de Cine Español de Málaga, coproducida pola galega Zircozine xunto a La Competencia e El Niño Producciones. Trátase da opera prima de Daniel Guzmán, un proxecto autobiográfico que o director comezou a trazar hai dez anos e que se materializou coas interpretacións dos novos actores Miguel Herrán e Antonio Bachiller nos papeis protagonistas, arroupados por figuras como Luis Tosar, Luis Zahera, Felipe García Vélez e María Miguel.