Nova: A Xunta inicia o 21 de marzo un ciclo de música coral na Biblioteca Pública de Lugo

12/03/2025

A Xunta inicia o 21 de marzo un ciclo de música coral na Biblioteca Pública de Lugo

Lugo, 12 de marzo de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inicia o venres 21 de marzo o ciclo Harmonías na biblioteca: A voz da cultura, que contará coa participación de tres agrupacións corais da provincia. O programa foi presentado hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo polo delegado, Javier Arias; Pablo Rico, presidente do Coro Xuvenil de Lugo e da Federación de Coros de Galicia;  Miguel Varela, presidente do Orfeón Xoán Montes e vicepresidente da Federación galega, e Manuel Rodríguez Lorenzo, presidente da Schola Gregoriana Lucensis.

Os concertos celebraranse no salón de actos da Biblioteca Pública Provincial; o primeiro estará protagonizado polo Orfeón Xoán Montes, cun repertorio que abarca desde habaneras ata obras galegas e composicións corais para voces graves. O 16 de maio actuará o Coro Xuvenil de Lugo, que ofrecerá versións de cancións pop de artistas contemporáneos como Melendi, Amaral, Nil Moliner ou Dani Fernández. Finalmente, o 24 de outubro pechará o ciclo a Schola Gregoriana Lucensis, con pezas de canto gregoriano, do cancioneiro de palacio e obras antigas. Todos darán comezo ás 20,00   horas e terán unha duración aproximada dunha hora.

Javier Arias sinalou que os obxectivos do ciclo son “ofrecer ao público lucense unha programación de calidade e diversidade musical accesible de maneira gratuíta, e fomentar a biblioteca como espazo cultural activo, capaz de acoller e impulsar diferentes manifestacións artísticas”.

Comparte