Nova: A Xunta considera de “xustiza” que o Goberno central transfira a Galicia a titularidade da Illa de San Simón

13/03/2025
A Xunta considera de “xustiza” que o Goberno central transfira a Galicia a titularidade da Illa de San Simón
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reitera no Parlamento esta reclamación despois de “máis de 30 anos xestionando, preservando e divulgando este espazo”
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta os esforzos do Executivo galego na súa conservación, “de case 1 M€ só nos últimos dous anos”
Anuncia que xa está encargada a restauración do monumento ao Capitán Nemo, en cuxa rehabilitación “se levan investidos nos últimos 12 anos uns 20.000€”
Santiago de Compostela, 13 de marzo 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, considerou hoxe de “xustiza” que o Goberno central lle transfira a Galicia a titularidade das illas de San Simón e Santo Antón, “despois de que a Xunta leve máis de 30 anos xestionando, preservando e divulgando” este espazo da provincia de Pontevedra. Así o defendeu en resposta a unha pregunta na comisión 1ª do Parlamento, na que confirmou que a Xunta insistirá nesta petición para que este conxunto sexa “patrimonio de todos os galegos e galegas”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou os “importantes esforzos” que durante estes anos leva realizando o Executivo autonómico na conservación e en garantir o funcionamento deste enclave con investimentos periódicos na súa restauración, “que se elevan a case 1 M€ só no período 2022-2024”. Por estes motivos, e tendo en conta que a cesión do Estado á Comunidade rematará en dous anos, interpretou como “o máis razoable” que “Galicia a reclame con pleno dereito”.
Anxo M. Lorenzo explicou que con esta concesión a Xunta pretende potenciar aínda máis o seu valor histórico e paisaxístico e mellorar a oferta de actividades creativas, culturais, deportivas e educativas que acolle San Simón. Ao respecto, lembrou que neste espazo se organizan residencias literarias, campamentos de convivencia ou actividades con gran prestixio cultural, como o Festival Sinal.
“É unha reivindicación lóxica e un paso que temos a obriga moral e histórica de dar e asumir”, argumentou o director xeral de Cultura, quen puxo en valor os traballos da Xunta na súa rehabilitación, conservación e difusión desde 1997, ano en que o Goberno central lle cedeu o uso. Neste senso, Anxo M. Lorenzo asegurou que o Goberno galego demostrou, desde o primeiro momento, que tiña en consideración a Illa de San Simón como “unha das grandes xoias” do noso patrimonio histórico e natural, “tal como reflicte tela recoñecido como Ben de Interese Cultural”.
Nesta liña, destacou que estas tarefas de recuperación non só tiveron como finalidade garantir a protección e a difusión dun espazo de “alto valor histórico e natural, senón tamén o de asegurar o seu uso público, como así ten sido”, aseverou. Consecuentemente, tal e como lembrou, redactouse un plan director, elaborado polo equipo do arquitecto César Portela, e rehabilitáronse as illas de San Simón e Santo Antón como un conxunto.
Restauración do grupo escultórico de homenaxe ao capitán Nemo
Ademais, o director xeral de Cultura fixo especial fincapé na relevancia que se lle ten dado, ao longo de todo este tempo de concesión, aos labores que garantan a conservación, funcionamento e preservación deste espazo. En concreto, apuntou as accións periódicas de restauración que require, por exemplo, o grupo escultórico de homenaxe ao capital Nemo, polo deterioro que sofre e que atribuíu “ao castigo que lle provocan as inclemencias do tempo e a certos episodios de vandalismo”.
En todo caso, Anxo M. Lorenzo anunciou que xa está encargada unha nova rehabilitación ao escultor Sergio Portela desta peza e salientou que, desde 2012, a Consellería de Cultura ten realizado unhas catro intervencións, “cun custo aproximado duns 20.000 euros por todas elas”.