Nova: A Xunta trae por primeira vez a Galicia á cantante americana Anastacia, con todas as entradas esgotadas no Auditorio Mar de Vigo

14/03/2025
A Xunta trae por primeira vez a Galicia á cantante americana Anastacia, con todas as entradas esgotadas no Auditorio Mar de Vigo
A delegada da Xunta, Ana Ortiz, presentou a actuación do vindeiro domingo no Auditorio Mar de Vigo da artista internacional dentro da marca 'Concertos do Xacobeo'
Vigo, 14 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este venres no Auditorio Mar de Vigo o concerto que ofrecerá o vindeiro domingo (19:00 horas) a artista americana Anastacia, a súa primeira actuación en Galicia, incluída na programación do Gozo Festival, unha das grandes citas musicais que apoia o Goberno galego a través de ‘Concertos do Xacobeo’, a marca coa que pretende unificar a programación de música, espectáculos e ocio co obxectivo de convertela en atractivo turístico.
Na presentación xunto a Carolina Martín, responsable de Comunicación da productora viguesa Sweet Nocturna, a representante autonómica explicou que xa están todas as entradas esgotadas, aínda que todavía é posible que se liberen algunhas butacas por axustes de producción.
A representante autonómica destacou que a Xunta apoia desta forma iniciativas que “sexan quen de atraer distintos tipos de público e que poidan converterse en efecto tractor para o turismo e reforzar a imaxe de Galicia nacional e internacionalmente”.
A icona do pop Anastacia (Chicago, 1968) chegará a Vigo coa súa esperada nova xira #NTK25 no que será o primeiro concerto en Galicia e despois de actuar en Barcelona e Madrid. Na xira conmemora o 25 aniversario do seu álbum debut «Not That Kind», que a catapultou á fama internacional no ano 2000 con éxitos como «I’m Outta Love».
Con máis de 30 millóns de discos vendidos en todo o mundo, ao longo da súa traxectoria obtivo grandes éxitos con sete álbums de estudo e colaboracións con artistas de renome mundial como Luciano Pavarotti, Elton John, Michael Jackson e Eros Ramazzotti.