Nova: O director xeral de Cultura pon en valor o enriquecemento e intercambio cultural do Camiño

14/03/2025

O director xeral de Cultura pon en valor o enriquecemento e intercambio cultural do Camiño

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor hoxe o “intercambio e importante enriquecemento cultural” que ten suposto o Camiño de Santiago e as súas rutas desde diferentes puntos de Europa. Fíxoo durante a presentación da publicación de Unha ollada desde a distancia. Peregrinos e viaxeiros de fala inglesa en Santiago de Compostela (1808-1936), de Leopoldo Fernández Gasalla, que está coordinada polo Museo das Peregrinacións e editada pola Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “investigación profusa” realizada polo autor, doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e que forma parte do Grupo de Investigación Iacobus. Estudios sobre patrimonio. Ademais, considerou de “alto interese as descubertas da época e do fenómeno da peregrinación” deste libro, xa que se ocupa do período do século XIX, “cando un fluxo constante de persoas cruzaron o Atlántico para achegarse á Península, atraídos pola espiritualidade e a historia da rexión e da cidade”.

Comparte