Nova: José López Campos acompaña ao sector audiovisual na gala dos Premios Mestre Mateo para celebrar o bo momento da profesión en Galicia

15/03/2025

José López Campos acompaña ao sector audiovisual na gala dos Premios Mestre Mateo para celebrar o bo momento da profesión en Galicia

Teté Delgado presenta o evento no que se dan a coñecer os proxectos e profesionais gañadores nas 25 categorías convocadas, ás que concorren 101 candidaturas finalistas

Lalín (Pontevedra), 15 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o de Educación, Ciencia e Universidades e FP, Román Rodríguez, asistirán esta noite en Lalín á gala de entrega dos 23º Premios Mestre Mateo do audiovisual galego para acompañar ao sector nesta celebración conxunta na que se recoñecen as mellores producións e traballos profesionais de 2024. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente á Academia Galega do Audiovisual na organización deste evento, durante o que se repartirán 25 galardóns aos que concorren 101 candidaturas finalistas, tanto individuais como colectivas.

Unha ampla porcentaxe delas corresponde, ademais, a proxectos cofinanciados pola Xunta de Galicia a través do seu programa anual de subvencións ao sector, como sucede no caso das longametraxes As Neves, Honeymoon e +Cuñados, que copan 40 das candidaturas.

Emisión en directo

A bailarina e coreógrafa Marta Alonso Tejada é a directora da gala que conducirá a actriz e presentadora Teté Delgado e que será emitida en directo por Televisión de Galicia desde o Lalín Arena. O lema deste ano, O audiovisual en movemento, dá conta do dinamismo deste sector en Galicia, cuxa calidade artística e técnica está a ser amplamente recoñecida en festivais e encontros de carácter internacional.

Ademais, a propia gala dos Mestre Mateo ocupa o primeiro lugar entre os eventos audiovisuais máis destacado de 2024, segundo os votos emitidos polos responsables das entidades culturais da nosa Comunidade para a elaboración do Barómetro do Consello da Cultura Galega.

Nesta mesma liña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén contribuíndo cada ano á organización destes galardóns, cun incremento progresivo na súa achega económica ata acadar os 70.000 euros en 2025, en recoñecemento ao seu papel como plataforma desde a que proxectar cara á sociedade a capacidade e calidade do sector.

Comparte