Nova: A Xunta abre a convocatoria para que os concellos melloren as súas infraestruturas culturais

16/03/2025

A Xunta abre a convocatoria para que os concellos melloren as súas infraestruturas culturais

A liña, dotada con 500.000€, está destinada a actuar en bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais

A orde de subvencións publicada no Diario Oficial de Galicia está aberta ata o 10 de abril e contribuirá a realizar obras de reforma, ampliación ou accesibilidade, así como a adquisición de material técnico 

As axudas, enmarcadas nos obxectivos do plan para modernizar as infraestruturas do Goberno galego, permitiu renovar espazos de 46 concellos o pasado ano

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia acaba de publicar a convocatoria destinada a colaborar cos concellos galegos na renovación das súas infraestruturas culturais. Tratase dunha liña dotada con 500.000€ que está destinada a actuar en bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais para modernizar estes espazos.

Así, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é dotar das medidas necesarias ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades.

Deste xeito, os concellos que sexan titulares destes recursos poderán solicitar estas axudas ata o 10 de abril e, a través desta achega, sufragar os gastos de reformas, obras de ampliación ou traballos de mellora da accesibilidade. Ademais, tamén poderán destinar a subvención a adquirir equipamento como material escénico, iluminación, son ou audiovisual, entre outros.

Na convocatoria anterior, o Goberno autonómico contribuíu á mellora das instalacións e locais culturais de 46 concellos. Así, as axudas permitiron incrementar a calidade e a oferta cultural de 19 bibliotecas e axencias de lectura, 15 centros culturais, seis auditorios, dous centros de interpretación patrimonial, dous escolas de música e un arquivo.

Estas axudas enmárcanse no compromiso da Xunta de Galicia para mellorar e impulsar o equipamento das unidades culturais e garantir o acceso á cultura de todos os galegos e en todo o territorio, en liña co futuro plan de modernización das infraestruturas culturais publicas de Galicia e da nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia aprobada por unanimidade no Parlamento.

Comparte