Nova: Kiki Morente presenta este venres no Círculo das Artes de Lugo o seu disco ‘Azabache’ co apoio da Xunta

17/03/2025
Kiki Morente presenta este venres no Círculo das Artes de Lugo o seu disco ‘Azabache’ co apoio da Xunta
Lugo, 17 de marzo de 2025
A Xunta patrocina o concerto que ofrecerá Kiki Morente no Círculo das Artes de Lugo este venres, 21 de marzo. O delegado territorial, Javier Arias; o presidente da entidade, Miguel Caraduje; e Eduardo Núñez-Torrón, de La Liebre Dinamización Cultural, deron a coñecer hoxe esta nova colaboración.
O recoñecido cantaor, guitarrista e compositor granadino actuará por primeira vez na capital lucense dentro da xira de presentación do seu terceiro traballo discográfico, Azabache. Será no Salón Rexio a partir das 21,00 horas. As entradas poden adquirirse a través de woutickt.es ou no acceso á sala o propio día do concerto.
Kiki Morente, consolidado como unha das principais voces do panorama flamenco actual, recala no Círculo das Artes co apoio da Xunta a través dun convenio de difusión cultural que incluíu outros concertos como os de Sophie Auster e Marina Reche, que tiveron un gran éxito de público.
Morente actuará ademais en Lugo acompañado de Carlos de Jacoba e Joni Jiménez, dous dos guitarristas con máis peso dentro do mundo flamenco.