Nova: Belén do Campo participa na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música

19/03/2025
Belén do Campo participa na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música
Na reunión fíxose oficial o nomeamento de Juan Antonio Cuéllar como novo xerente do Consorcio para a Promoción da Música
A Coruña, 19 de marzo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron, esta mañá, na Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música.
Belén do Campo destacou que o Consorcio para a Promoción da Música da Coruña desempeña un papel esencial no fomento da cultura e na difusión musical na cidade. Grazas ao seu compromiso coa excelencia artística, esta entidade impulsa unha programación variada e de alta calidade que achega a música a todos os públicos.
A representante do Goberno autonómico lembrou o aumento do orzamento da Xunta, pasando de 3 M€ a 3,3 M€ nas contas de 2025 por parte da Xunta de Galicia. Na reunión tomouse coñecemento de forma oficial do nomeamento de Juan Antonio Cuéllar como novo xerente do Consorcio para a Promoción da Música tras a finalización do proceso de selección, por parte da Comisión de Selección da que formou parte Anxo Lorenzo, no que se elixiu por unanimidade para asumir este posto ao que foi director executivo da Orquesta Sinfónica Nacional e da Asociación Sinfónica Nacional de Colombia. Así, o seu nomeamento fíxose oficial hoxe.
Formado na Pontificia Universidad Javeriana e na escola de música Jacobs, da Indiana University Bloomington, ademais conta tras de si cunha sólida traxectoria profesional. Entre os anos 2002 e 2008 foi decano da Facultad de Artes da Pontificia Universidad Javeriana, onde tamén desempeñou tarefas de mestre no departamento de Música ata o ano 2020. En paralelo, creou con Mark Gillespie, da Orquesta de las Américas, e con Fernando Cortés, director executivo da Fundación Bolívar Davivienda, a Orquesta Filarmónica Juvenil de Colombia.
Por outra banda, desde hai máis de tres décadas, vén traballando co produtor Julio Reyes, gañador de numerosos premios Grammy e Billboard, en proxectos nos que participaron artistas de sona nacional e internacional, como Alejandro Sanz, Aitana, Andrés Calamaro, Juanes, Sebastián Yatra e Laura Pausini, entre moitos outros.