Nova: O Centro Dramático Galego coproduce o espectáculo ‘Roland mon amour’ que Cris Balboa estrea en Madrid

20/03/2025
O Centro Dramático Galego coproduce o espectáculo ‘Roland mon amour’ que Cris Balboa estrea en Madrid
O Centro Dramático Nacional é a outra entidade coprodutora da montaxe, que poderá verse na súa sede do Teatro María Guerrero ata o 20 de abril
Chegará a Galicia como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Xunta, para se presentar o 10 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela
A creadora galega é a autora, directora e intérprete desta peza multidisciplinar, que define como “monodrama de desexo e música”
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025
O Centro Dramático Galego coproduce coa creadora Cris Balboa e o Centro Dramático Nacional o espectáculo Roland mon amour, que se estrea mañá no Teatro María Guerrero de Madrid, onde permanecerá en cartel ata o 20 de abril. Desde a sede da compañía pública estatal porá rumbo cara á da unidade teatral da Xunta de Galicia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela, para ofrecer unha función o 10 de maio como parte do festival Escenas do Cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Cris Balboa é a autora, directora e intérprete desta peza de artes vivas, que ela mesma define como “monodrama de desexo e música” e na que mestura o son electrónico, a acción escénica e o movemento para converter o teatro nun acto de conexión íntima e compartida.
O nome da obra, escrita durante a temporada 2022-2023 do programa de Residencias Dramáticas do Centro Dramático Nacional, ten a súa orixe no sintentizador Roland JD Xi que Balboa empregou para a súa performance sonora Technocracia e co que agora lle pon música á súa nova proposta. Nela, a creadora galega amósase “sincera, irónica e doméstica” para compartir co público unha viaxe sonora desde a emoción e o goce, na procura da complicidade e a identificación coa súa fraxilidade.
Pases en galego
Para Roland mon amour, conta ademais coas achegas de Alberto Cortés na asistencia de dirección, Fran Lefrenk Fanzine, na musical, e Laura Iturralde, na iluminación. Durante a súa estadía en Madrid, o público terá a oportunidade de participar nun encontro co equipo tras o pase do 1 de abril, así como de gozar do espectáculo en galego, con subtítulos en castelán, nas representacións dos días 15 e 16 dese mes.
Fundadora da compañía Funboa Escénica, na traxectoria de Cris Balboa figuran montaxes como Technocracia (2020), O que segue (2019), Masa madre + sal marina (2018), Sushi gratis (2015), Sigue buscando (2013), Oiseau Rebelle (2011) e os monólogos Biolóxica (2013) e No me cuentes tu vida (2012). Na meirande parte dos casos, trátase de creacións colectivas a partir de diferentes procesos de escritura e composición escénica, sempre desde a identidade, o contexto e a necesidade de se infiltrar en calquera linguaxe artística.
Roland mon amour súmase ao programa de coproducións do Centro Dramático Galego para este ano 2025, dentro do que xa se estrearon os espectáculos Mala vida e pior morte do Rei Ricardo III, con Producións Teatrais Excéntricas, e Medea-Mamá-Monstro, con Laura Porto e Helena Varela, as dúas dentro do ciclo Clásicas Desfeitas promovido xunto á Cidade da Cultura de Galicia; rosalía, cartografía de ásperas ortigas. co colectivo portugués ASTA-Teatro e Outras Artes, e Fábrica de fume, dirixida por Celina Fernández Ponte e Ana Fontenla.
Esta última proposta pode verse os vindeiros domingos 23 e 30 de marzo no Salón Teatro, que a semana pasada acolleu a súa estrea en paralelo ás representacións de A burra, a mesa e o pau, a nova produción propia da compañía pública galega que tamén se mantén en cartel en Santiago de Compostela ata o 20 de abril.