Nova: A Xunta promove a internacionalización das letras galegas con axudas para participar en residencias literarias no exterior

21/03/2025
A Xunta promove a internacionalización das letras galegas con axudas para participar en residencias literarias no exterior
As persoas interesadas optan a un apoio de 5.000 euros que poden solicitar ata o vindeiro 30 de maio
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2025.- A Xunta de Galicia ten aberto o prazo de solicitudes para os interesados en participar en residencias literarias fóra de Galicia. Trátase dunha convocatoria publicada xa no Diario Oficial de Galicia dirixida a profesionais da creación literaria co obxectivo de fomentar a difusión das letras galegas e impulsar as relacións con outros centros culturais de referencia.
Estas axudas, cun investimento total de 20.000 euros, están destinadas a colaborar coas persoas creadoras para que poidan realizar a tradución das súas obras nunha estadía que favorece o proceso de investigación previo á creación da obra e que proporcione un espazo e ambiente de traballo que lles permite continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.
O importe máximo co que se subvencionará cada persoa será de 5.000 euros, que se destinarán a gastos de viaxe, de transportes internos, de aloxamento e manutención, de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe e outra médica. Os interesados poderán solicitar as axudas ata o día 30 de maio.
Esta é a terceira convocatoria deste proxecto, co que se busca difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural visibilizando a riqueza e calidade dos profesionais da creación literaria. O pasado ano contaron con estas axudas as autoras Blanca Trigo, Luisa Martínez, Nerea Pallares e María Obdulia Luís, que estiveron en residencias en Estocolmo, Cabo Verde, Lisboa e Francia, respectivamente.