Nova: MeteoGalicia cede ao Arquivo de Galicia 370 mapas meteorolóxicos de Santiago Pemán, algúns con máis de 70 anos de historia, para preservalos como patrimonio cultural da comunidade

21/03/2025
MeteoGalicia cede ao Arquivo de Galicia 370 mapas meteorolóxicos de Santiago Pemán, algúns con máis de 70 anos de historia, para preservalos como patrimonio cultural da comunidade
Ángeles Vázquez agradece “ao home do tempo por excelencia” que cedese no seu día estes documentos para, co tempo, converterse en “auténticos tesouros” pois os máis antigos datan do ano 1954 e están feitos a man coas isóbaras debuxadas sobre eles
A conselleira pon en valor o labor dos meteorólogos na elaboración de prognósticos e no estudo do clima no contexto actual de quecemento global así como ofrecendo información crucial para actividades como a agricultura, a pesca, o turismo, a xestión das emerxencias ou a seguridade pública
López Campos salienta que se trata dun patrimonio “excepcional” pola súa achega “histórica e artística” e por tratarse dunha “importante fonte documental”
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinaron hoxe o protocolo polo que MeteoGalicia cede ao Arquivo de Galicia 370 mapas meteorolóxicos elaborados por Santiago Pemán ao longo da súa traxectoria profesional, dos que algúns contan con máis de 70 anos de historia.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que estes documentos forman parte xa do patrimonio cultural da comunidade e que o obxectivo da súa cesión ao Arquivo de Galicia é preservalos para o seu desfrute e posta a disposición do conxunto da cidadanía galega tanto agora como no futuro.
Ángeles Vázquez agradeceu a Santiago Pemán, “o home do tempo por excelencia” que no seu día doase estes mapas a MeteoGalicia para, co tempo, converterse en “auténticos tesouros”. Neste sentido, salientou que os documentos máis antigos datan do ano 1954, a maioría deles a gran escala e feitos a man, coas isóbaras debuxadas sobre eles, nos que se reflicte a delicadeza e a paixón coas que traballaba Santiago Pemán.
A ese primeiro lote de mapas elaborados a man -datados entre 1954 e 1985- engádese un segundo paquete con documentos que van do ano 1993 a 1998, máis modernos e nos que xa non se traballaba sobre eles de xeito manual.
A conselleira subliñou que é lóxico compartir este legado co conxunto da cidadanía galega e velar pola súa preservación, motivo polo que o seu departamento decidiu doar este patrimonio histórico sobre o estudo do tempo e o clima ao Arquivo de Galicia coincidindo coa celebración, o vindeiro domingo, do Día meteorolóxico mundial.
Nesta liña, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de poñer en valor o labor que realizan no presente, e realizaron no pasado, os meteorólogos para a elaboración de prognósticos e a análise de patróns climáticos, unha cuestión crucial en momentos como o actual de constantes cambios derivados do cambio climático.
O papel dos homes do tempo, engadiu, ten unha gran transcendencia para actividades económicas como a agricultura, a pesca e o marisqueo ou o turismo e coñecer o comportamento do clima é fundamental na xestión das emerxencias e da seguridade pública ao converterse nunha ferramenta vital para alertar sobre fenómenos extremos.
Na acción climática, destacou a responsable autonómica, ten moito que dicir MeteoGalicia grazas ao desenvolvemento de complexos modelos de predición que permiten avaliar riscos reais de períodos de seca, vagas de calor ou incendios, entre outros, utilizando as mellores técnicas dispoñibles, como sensores para medir novos parámetros ou a recente incorporación da intelixencia artificial.
A conselleira lembrou tamén que a Xunta, ademais de mellorar na medida do posible os servizos meteorolóxicos que dependen dela, realiza en paralelo accións de concienciación e divulgación dirixidas á xente nova como as desenvolvidas ao abeiro do programa Mocidade polo Clima, coas que se pretende sensibilizar ás mozas e mozos galegos sobre a importancia das boas prácticas para frear o quecemento global.
Valor patrimonial excepcional
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, salientou que esta cesión supón que o Arquivo de Galicia poida contar cun “legado de valor patrimonial excepcional para todo o pobo galego”. Nese senso, incidiu na obriga da Administración e de toda a sociedade de “protexer e salvagardar” este tipo de bens pola súa achega “histórica e artística” e por tratarse dunha “importante fonte documental”.
Para rematar, López Campos aproveitou para recoñecer o “relevante labor” na preservación do noso valioso patrimonio documental que levan a cabo os arquivos galegos. En concreto, referiuse ao Arquivo de Galicia, do que enxalzou que recolle “a memoria bibliográfica do noso país”. “Grazas á súa tarefa de conservación, divulgación e posta en valor dos fondos comprendemos mellor a nosa identidade e a nosa historia”, concluíu o conselleiro.