Nova: A Xunta apoia o proxecto ‘Sacra Experience’ polo seu valor de dinamización da cultura no rural

21/03/2025
A Xunta apoia o proxecto ‘Sacra Experience’ polo seu valor de dinamización da cultura no rural
Un programa formativo, residencias artísticas e un festival articulan esta iniciativa que se desenvolve na aldea do Pincelo e outros puntos da Ribeira Sacra chantadina
Dentro do apartado ‘Sacra Forma’, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia tres obradoiros de danza que desenvolverán entre abril e xuño Janet Novás, Guillermo Weickert e Laura Morales
Tamén reciben colaboración a Xunta os talleres de cine, fotografía e artes plásticas
Chantada (Lugo), 21 de marzo de 2025
A Xunta de Galicia apoia a celebración dunha nova edición do Sacra Experience, un proxecto que se desenvolve durante todo o ano na pequena aldea de O Pincelo, na Ribeira Sacra ao seu paso por Chantada, cunha ampla proposta de actividades formativas, residencias artísticas e un festival que contribúen a dinamizar a vida cultural no rural galego.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que mantén a súa colaboración ao longo de todo o evento, financia en concreto os vindeiros obradoiros de danza a cargo de figuras do talle de Janet Novás, Guillermo Weickert e Laura Morales, así como os de cine, fotografía e artes plásticas que forman parte do apartado didáctico Sacra Forma, no marco dos obxectivos recollidos na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada por unanimidade no Parlamento e que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro.
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou este mediodía na presentación da programación 2025 canda a directora do festival, Carlota Pérez, e o resto de entidades implicadas, sinalou o potencial transformador deste proxecto e felicitou a valentía e bo facer do equipo organizador que foi quen de construír un encontro con propostas artísticas de gran calidade no que se involucra tanto o sector cultural como a comunidade vinculada ao territorio.
Sobre o programa de danza, Sutil manifestou que materializa de xeito exemplar as liñas estratéxicas do Plan Integral para a Danza de Galicia, aprobado polo Goberno galego en colaboración co sector profesional. Neste sentido, destacou o traballo realizado por Sacra Experience para contribuír á creación e produción de espectáculos de danza e artes do movemento a través dun programa diversificado de residencias, así como ao fomento da profesionalización a través das súas formacións e da aposta por descentralizar esta disciplina achegándoa ao rural e implicando as persoas da contorna.
Para os proxectos artísticos participantes, Sacra Experience supón ademais unha convivencia coa veciñanza da Ribeira Sacra e de relación co territorio partindo do lugar do Pincelo, coa oportunidade de residir en espazos que dan acollida a 12 persoas e que colaboran con outros aloxamentos de aldeas lindeiras.
Referentes da danza contemporánea
O programa formativo Sacra Forma vai desenvolver entre abril e xuño tres obradoiros de danza impartidos por figuras de referencia na danza contemporánea tanto en Galicia como no resto do Estado. A bailarina, performer e coreógrafa galega Janet Novás, que recibiu o apoio do Centro Coreográfico Galego para desenvolver a produción Proto en 2023, desenvolverá un taller de creación baseado na observación, a experiencia e o diálogo co corpo como principal ferramenta de traballo, apostando por unha linguaxe propia, moldeando o contido emocional e a sinxeleza estética que caracterizan os seus traballos. A súa proposta vén avalada por premios estatais e pola presenza dos seus espectáculos en diferentes festivais nacionais e internacionais.
Pola súa banda, o andaluz Guillermo Weickert abordará cuestións do contexto actual da danza como o predominio dun canon corporal normativo ou as prácticas individualistas. As súas variadas e complementarias facetas como intérprete, director de escena e artístico, coreógrafo, mentor e xestor de proxectos, docente e pedagogo en compañías de danza, teatro físico, flamenco, performance e circo fan del un dos artistas multidisciplinares máis completos da escena actual, cuxos proxectos exploran as fronteiras e límites das disciplinas artísticas convencionais.
Por último, a bailarina barcelonesa Laura Morales chega avalada por unha traxectoria de recoñecementos e coproducións a nivel europeo, os máis recentes conseguidos grazas ao traballo que desenvolve na súa montaxe El último acto de Fe, onde explora as nocións de castigo e éxtase mediante un traballo físico e mental de aguante e un ritmo permanente ata chegar ao cumio ou a un estado de paz que conecta, segundo a artista, co filme de Lars Von Trier Nymphomaniac.
Máis talleres, residencias e un festival
Tamén dentro do programa formativo vanse desenvolver co apoio da Xunta talleres de cine, fotografía e artes plásticas que contarán con nomes como Oliver Laxe, David Jiménez, Pamen Pereira ou Che Marchesi na nómina de docentes.
Sacra Experience complétase cun programa de residencias artísticas ao longo de todo o ano e cun evento multidisciplinar, o Sacra Festival, que se celebrará en espazos únicos non convencionais da Ribeira Sacra os días 16 e 17 de agosto, combinando patrimonio, viño e gastronomía coa arte e a cultura. O programa da vindeira edición propón, entre outras actividades, danza comunitaria, mostras do taller de creación de Janet Novás e da residencia de escultura de Pamen Pereira e Che Marchesi, e concertos de Dulzaro e Niño de Elche, dous artistas da primeira liña estatal que impulsan as súas carreiras co foco posto na innovación a partir da música de raíz.