Nova: López Campos enxalza a calidade da creación poética galega con recoñecementos dentro e fóra de Galicia

21/03/2025

López Campos enxalza a calidade da creación poética galega con recoñecementos dentro e fóra de Galicia

Salienta o “excelso nivel do sector” como reflicten os Premios Nacionais a Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Alba Cid, Ismael Ramos ou Gonzalo Hermo

Destaca o pulo de prestixio para o galego que as obras destas autoras e autores sexan galardoadas estando escritas na nosa lingua

Pontevedra, 21 de marzo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe a “alta calidade” da creación poética galega, tal e como o considerou que demostran “os numerosos recoñecementos que non para de recibir dentro e fóra da Comunidade”. Así o salientou durante a súa asistencia a un recital na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, en Pontevedra, organizado dentro das actividades con motivo da celebración do Día Internacional da Poesía.

O responsable de Cultura do Goberno galego gabou o “excelso nivel” dos autores e autoras deste xénero literario en Galicia. Neste senso, remitiuse ao feito de que, nos últimos anos, os Premios Nacionais de Poesía están a levar “selo galego e por partida dobre, pola orixe dos autores e autoras e por distinguir obras na nosa lingua”, valorou.

Precisamente, López Campos lembrou que a última escritora galega en ser recoñecida con esta distinción nacional foi a poeta Chus Pato, pola obra Sonora, á que lle precederon Yolanda Castaña por Materia, Olga Nova por Feliz Idade, Pilar Pallarés por Tempo fósil, Ismael Ramos por Lixeiro, Alba Cid por Atlas ou Gonzalo Hermo por Celebración.

Para o conselleiro, esta “concentración de galardóns para Galicia” confirman que é un “referente e unha potencia cultural” e atribuíno especialmente a que a Comunidade conta cun “forte tecido cultural composto por grandes profesionais de cada un dos ámbitos culturais, tanto literario e audiovisual, como escénico, artístico ou danza”. A todos eles garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando o desenvolvemento do seus proxectos.

De igual xeito, salientou o feito de que tanto en poesía, como no resto de creación literaria galega, se están a distinguir fóra da nosa Comunidade os traballos feitos na nosa propia lingua, “o que sen dúbida prestixia o noso idioma e anima a outros colectivos profesionais a empregalo sen condicionantes como ferramenta creativa”, aseverou.

Recital polo Día Internacional da Poesía

O conselleiro de Cultura sumouse aos festexos da celebración do Día Internacional da Poesía nun recital na Biblioteca Pública de Pontevedra, no que participaron Carmen Blanco, Adina Ioana Vladu, Cristina Fiaño, Cynthia Menéndez, Mateo Buján e Claudio Rodríguez Fer, ao que López Campos aproveitou para felicitar polo seu recente Premio Babel de Literatura, un prestixioso recoñecemento outorgado pola Universidade de Dallas (Texas) e que recae por vez primeira nun autor español.

Comparte