Nova: O PROGRAMA ‘LER CONTA MOITO’ OFRECERÁ MÁIS DE 600 ACTIVIDADES EN PRETO DE 200 CONCELLOS GALEGOS

30/03/2025
O PROGRAMA ‘LER CONTA MOITO’ OFRECERÁ MÁIS DE 600 ACTIVIDADES EN PRETO DE 200 CONCELLOS GALEGOS
- O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a resolución desta convocatoria que facilita a programación en 243 bibliotecas
- O catálogo inclúe obradoiros creativos, contacontos, exposicións, propostas de música, maxia ou teatro, entre outras
O programa de dinamización da lectura nas bibliotecas Ler Conta Moito chegará este ano a un total de 194 concellos, que programarán máis de 600 actividades en 243 centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Así se recolle na resolución da convocatoria que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e que inclúe unha achega de 195.000€.
Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude facilita que os concellos programen un mínimo de dúas actividades que poderán escoller do catálogo Ler Conta Moito, que a Xunta ten dispoñible na web da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Trátase dun repositorio que inclúe obradoiros creativos, contacontos, exposicións, propostas de música, maxia ou teatro, entre outras.
Deste xeito, o Goberno galego achegará ata un 75% do custo total das actividades, dando así continuidade a unha das principais ferramentas que ten en marcha para a promoción da lectura en todo o territorio. Cómpre lembrar que o ano pasado participaron neste programa 184 municipios que acolleron máis de 600 actividades en 232 bibliotecas, coa intención de ofrecer alternativas de lecer a todos os galegos e galegas sexa cal sexa o seu lugar de residencia, en liña coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Máis de 3 millóns de euros
Esta medida enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na promoción do sector cultural galego en todas as súas vertentes. Ademais deste programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas, a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros noutras convocatorias para o sector do libro como as dirixidas ás librarías e o apoio ás feiras do libro de Galicia con 13 paradas en distintas cidades e vilas, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais.