Nova: Anxo M. Lorenzo destaca a importancia do intercambio cultural que posibilita a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

01/04/2025

Anxo M. Lorenzo destaca a importancia do intercambio cultural que posibilita a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

O director xeral de Cultura presenta a programación da 30ª edición na que participan profesionais e estudantes de España, Portugal e Dinamarca

Celebrarase do 23 de abril ao 10 de maio e contará con preto dunha trintena de actividades como representacións, coloquios, obradoiros e unha exposición

Ourense, 1 de abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da 30ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a cita que se celebra a partir do 23 de abril co apoio da Xunta e que posibilita un importante intercambio cultural que contará con participantes de España, Portugal e Dinamarca.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que ata o 10 de maio a mostra encherá a cidade das Burgas de actividades arredor do teatro entre as que se inclúen representacións, coloquios, obradoiros ou mesmo unha exposición. “Para o Goberno galego é importante seguir apostando por esta iniciativa que suma xa tres décadas conectando a profesionais e estudantes de Galicia con artistas de distintas partes do mundo”, sinalou Anxo M. Lorenzo antes de recoñecer o seu labor para fomentar a cultura en diferentes sectores da poboación. 

Neste senso, o director xeral explicou que nesta edición profesionais e estudantes ofrecerán unha vintena de espectáculos en localizacións como o Teatro Principal, o Liceo, a praza de San Martiño ou varias rúas de Ourense. Deste xeito, incidiu na variedade de disciplinas relacionadas coas artes escénicas que tomarán parte nesta mostra como son a danza, o circo ou a música.

A programación, que estará dispoñible na web da mostra nos próximos días, inclúe ademais de mostras teatrais, a exposición Mo(ve)mentos que estará dispoñible no Teatro Principal, encontros entre compañías e espectadores tras as funcións, espectáculos de animación polas rúas, coloquios e o obradoiro Creación do corpo reflexivo por Russo Nnandong.

Comparte