Nova: A Xunta abre o prazo do premio literario ‘Nortear’ para obras escritas en galego ou portugués

03/04/2025
A Xunta abre o prazo do premio literario ‘Nortear’ para obras escritas en galego ou portugués
A iniciativa impulsada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal cumpre 10 anos como referente cultural de cooperación transfronteiriza europea
Dotada con 3.000 euros, o prazo de presentación das candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de xuño
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A Xunta abriu o prazo para participar na 11º edición do Premio Literario Nortear, un proxecto cultural referente en Europa organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal.
Dotada con 3.000 euros, a iniciativa diríxese á mocidade de entre 16 e 36 anos de Galicia ou do Norte de Portugal, que teñan unha escrita orixinal e inédita de 5.000 a 8.000 palabras de extensión, respectando as normas lingüísticas establecidas ben polo novo acordo ortográfico portugués ben pola normativa ortográfica vixente da Real Academia Galega.
Ademais de recibir a dotación económica, a persoa gañadora verá o seu traballo publicado en ambas as linguas, reforzando así a cooperación cultural e a divulgación literaria transfronteiriza.
O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o 30 de xuño a través da web da plataforma Nortear (https://nortear.gnpaect.eu/)
Tras dez anos de existencia, o Premio Nortear converteuse nun recoñecido polo cultural europeo en termos de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, xogando un papel esencial na valorización da creatividade literaria e no descubrimento de novos talentos. Acumula, ao longo das súas edicións, máis de 450 obras presentadas.
A iniciativa, cofinanciada polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) INTERREG 21-27, serve para incentivar a creación literaria e promove a circulación de obras a nivel eurorrexional.
Identidade cultural compartida
A continuidade do Premio Nortar ao longo dun decenio reafirma a identidade cultural compartida entre os dous territorios e reforza os lazos de unión a través da literatura.
O anterior gañador do Premio Nortear foi Manuel Vila Iglesias pola súa obra Graxa. Os gañadores de pasadas edicións foron Lara Dopazo Ruibal, Rui Cerqueira Coello, Cecília Fernández Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar, Marta Pais de Oliveirae Vicente Vázquez Vidal.