Nova: A Xunta inviste preto de 50.000 euros en axudas á contratación de artistas e bandas galegas en cinco festivais de música

04/04/2025
A Xunta inviste preto de 50.000 euros en axudas á contratación de artistas e bandas galegas en cinco festivais de música
O Ateneo Barroco en Santiago de Compostela, Beatout Fest na Coruña, Encordass Fiddle Fest na illa de San Simón de Redondela, Murallón de Son en Silleda e The Wild Fest en Vigo son as citas subvencionadas en 2025
Este impulso á presenza da nosa música insírese na política de apoio do Goberno galego a eventos de música estratéxicos para o sector xunto a iniciativas como os patrocinios FEST Galicia ou os Concertos do Xacobeo.gal
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
A Xunta acaba de facer pública a concesión de preto de 50.000 euros en axudas a cinco festivais de música, destinadas especificamente á contratación de bandas ou solistas de Galicia. O Ateneo Barroco de Santiago de Compostela, Beatout Fest da Coruña, Encordass Fiddle Fest na illa de San Simón de Redondela, Murallón de Son en Silleda e The Wild Fest de Vigo son as citas subvencionadas, que abranguen moi diferentes estilos e públicos.
Cada un dos encontros recibirá arredor de 10.000 euros, a contía máxima por proxecto consignada nas bases, que deberán investir integramente no pagamento dos cachés artísticos dos grupos galegos que formen parte dos seus carteis.
Con esta medida búscase impulsar a presenza da música galega no circuíto de festivais da nosa Comunidade, non só desde o punto de vista cultural senón tamén social, económico e turístico, promovendo ao tempo unha xestión máis profesional na súa organización. Neste sentido, o ano pasado foron 32 as contratacións de 30 artistas de Galicia realizadas polos catro eventos beneficiarios da anterior convocatoria.
Esta subvencións enmárcase, á súa vez, na política de apoio do Goberno galego a eventos de música considerados estratéxicos para o sector e dentro da que se insiren outras iniciativas, como FEST Galicia ou os Concertos do Xacobeo.gal.
No caso de FEST Galicia, o selo creado pola Xunta para agrupar festivais que difunden a imaxe da nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten previsto publicar proximamente a convocatoria de 2025. A través dela, destinaranse 350.000 euros a contratos de patrocinio con entidades privadas que organicen encontros destas características durante os meses centrais do ano.