Nova: López Campos salienta a proxección internacional da arte galega que irmanda tradición e vangarda

04/04/2025
López Campos salienta a proxección internacional da arte galega que irmanda tradición e vangarda
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o “potencial creativo de Galicia” na inauguración en Santiago da mostra ‘Endless game’, do escultor Diego Cabezas
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe a proxección internacional que está a gozar a arte galega e que atribuíu á capacidade “dos nosos artistas de fusionar con éxito tradición e vangarda”. Fíxoo durante a súa asistencia á inauguración na Galería Dupla, en Santiago de Compostela, da exposición Endless game, do escultor coruñés Diego Cabezas.
O responsable de Cultura da Xunta gabou a traxectoria deste artista, formado na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso, na Coruña, “e cuxas obras teñen sido exhibidas en diferentes espazos artísticos e penduran en fogares de Nova Zelandia, Singapur ou dos Estados Unidos”, enxalzou.
López Campos destacou o “potencial creativo de Galicia” do que considerou que dan “bo testemuño traxectorias prestixiosas e internacionais como a de Diego Cabezas”. Neste senso, considerou relevante salientar que, ao igual que outros moitos artistas galegos, “a súa formación e xermolo artístico prendeu na Comunidade, que lle segue servindo de punto de referencia, tamén á hora de expoñer”. Por iso, defendeu que a proxección cara a fóra do “enorme talento galego non supón desarraigo, senón facer marca de país e de Galicia polo mundo adiante, no que sempre van contar co apoio do Goberno galego”, concluíu.