Nova: A Xunta de Galicia destina máis de 166.000€ a apoiar a creación contemporánea nas Residencias Artísticas da Cidade da Cultura

07/04/2025

A Xunta de Galicia destina máis de 166.000€ a apoiar a creación contemporánea nas Residencias Artísticas da Cidade da Cultura

  • O Consello da Xunta avaliou actividades coas que se prevé brindar apoio a máis de 150 creadores e creadoras este 2025 desde o Gaiás
  • Dentro deste programa, a Xunta amplía o alcance das denominadas Axudas REGA, que outorgarán 8.000€ por proxecto seleccionado e incluirán as artes dixitais
  • Para estas residencias, a Cidade da Cultura colabora tamén con organizacións e colectivos destacados no ámbito cultural como o Centro Dramático Galego, o Festival RESIS de música contemporánea ou o Incipit-CSIC, entre outros

A Xunta de Galicia destina un total de 166.640 euros en 2025 a apoiar o desenvolvemento de proxectos artísticos e culturais nas Residencias Artísticas do Gaiás. O programa prevé este ano colaborar cun total de 157 creadoras e creadores e 39 técnicos, vinculados á danza e as artes escénicas, a música, a literatura, as artes plásticas, o deseño, as artes dixitais e o patrimonio cultural.

 

A través destas residencias artísticas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece apoio económico, espazos, equipamentos e recursos técnicos e humanos para favorecer a creación contemporánea e fortalecer o sistema cultural galego. Esta é unha aposta aliñada cos obxectivos do II Plan Estratéxico 2021-2027 da Fundación Cidade da Cultura, que promove o Gaiás non só como espazo privilexiado de exhibición, senón como un auténtico viveiro creativo, e na que nos últimos anos participaron máis de 85 proxectos e máis de 270 artistas de Galicia, do resto de España e internacionais para levar adiante as súas propostas creativas.

 

Entre as accións que se materializarán en 2025 destaca o incremento de catro a seis no número de proxectos apoiados polas Axudas REGA, cun orzamento de 62.400 euros, que abrirá a convocatoria da cuarta edición nos vindeiros días, incluíndo como novidade as artes dixitais entre as disciplinas artísticas ás que se dirixe, xunto coas visuais, escénicas, musicais e o deseño. Deste xeito, cada proposta seleccionada recibirá 8.000 euros para o seu desenvolvemento, e gozará dunha estadía de entre tres semanas e mes e medio no Gaiás, durante a cal contará co acompañamento dunha persoa mentora especialista.

 

Procesos selectivos abertos

A Cidade da Cultura ten abertos dous procesos selectivos máis esta primavera: o XV Encontro de Artistas Novos e a V Residencia Literaria. O primeiro, que coordina o historiador da arte e comisario Rafael Doctor, seleccionará un total de 40 creadoras e creadores emerxentes de toda España para unha estadía no Gaiás durante a que poderán dar a coñecer os seus traballos e conectar con axentes culturais e críticos. Desde o ano 2010, máis de 800 artistas pasaron por este encontro, unha das citas máis consolidadas da creación contemporánea en España.

 

Por outro lado, un total de 10 autoras e autores noveis participarán na Residencia Literaria da Cidade da Cultura, que estrea nova dirección, coa escritora e xestora cultural Eva Mejuto. A través do intercambio de aprendizaxes, este proxecto busca perfeccionar proxectos inéditos en galego, ampliando nesta edición a súa convocatoria a todos os xéneros: poesía, narrativa e teatro.

 

Colaborar co sistema cultural galego

As residencias artísticas do Gaiás afianzan tamén en 2025 a súa cooperación con entidades e colectivos destacados da cultura contemporánea, como o Centro Dramático Galego, que impulsa no ciclo Clásicas desfeitas a redescuberta de textos literarios empregando as linguaxes da escena actual. As Residencias Paraíso para danza e artes vivas, promovidas polo Colectivo RPM, son outra das liñas de apoio á creación nas que veñen colaborando a Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego.

 

No ámbito musical, a Cidade da Cultura ofrece os seus espazos e recursos para a produción de propostas innovadoras xunto ao festival RESIS de música contemporánea, e tamén para o fomento do talento máis novo a través da residencia da Banda Sinfónica Xuvenil Galega en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música.

 

Ademais, coa finalidade de ampliar o seu radio de acción como motor creativo, a Fundación Cidade da Cultura estendeu recentemente a súa rede de alianzas ao ámbito científico. Ligar investigación e experimentación artística é o obxectivo das residencias que desde hai tres anos se veñen realizando co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), ás que en 2025 está previsto sumar unha nova residencia co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Comparte