Nova: López Campos resalta o vencello á historia e cultura de Galicia da Coral Polifónica de Pontevedra

09/04/2025

López Campos resalta o vencello á historia e cultura de Galicia da Coral Polifónica de Pontevedra

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu ao concerto que a agrupación ofreceu con motivo do centenario da súa creación na igrexa de San Francisco

Destaca que “a traxectoria desta formación musical tamén nos deixa ver o carácter poliédrico de moitas das nosas figuras destacadas, como Castelao”

Pontevedra, 9 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe “o vencello coa historia e cultura de Galicia desde o seu propio nacemento” da Coral Polifónica de Pontevedra, en referencia “aos persoeiros ilustres que formaron parte da súa creación como Losada Diéguez ou o mesmo Castelao, a quen celebramos este ano”.

Así o afirmou o representante da Xunta no concerto ofrecido pola agrupación na igrexa de San Francisco, en Pontevedra, con motivo da celebración neste 2025 dos cen anos da súa aparición. Neste senso, lembrou “a relevancia desta agrupación tanto a nivel cultural a través dunha das nosas artes, a música, como a nivel social, porque foi a primeira coral galega que incorporou mulleres á formación”.

Doutra banda, López Campos tamén fixo fincapé na “visión poliédrica das nosas figuras históricas que nos ofrece esta oportunidade de afondar na traxectoria da Coral, por exemplo, achegándonos a outras facetas de Castelao, como a de escenógrafo”, lembrando a celebración este ano do Ano Castelao con motivo do 75 centenario do seu pasamento.

Comparte