Nova: López Campos erixe a cultura como “transmisora de valores sociais e antídoto contra as desigualdades”

10/04/2025

López Campos erixe a cultura como “transmisora de valores sociais e antídoto contra as desigualdades”

Salienta a súa “validez e eficacia” para difundir valores que propicien unha sociedade “máis xusta e igualitaria”

Destaca que a Xunta está a espallar este tipo de programación por todo o territorio galego dentro das liñas de actuación da recente Lei de cultura inclusiva e accesible

A Estrada (Pontevedra), 10 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe o papel que desenvolve a cultura como “transmisora de valores sociais e antídoto contra as desigualdades”. Así o puxo en valor tras asistir á peza teatral Golpes, unha obra de denuncia dos comportamentos machistas protagonizada por Estíbaliz Veiga e dirixida por Xosé Leis, que se representou no instituto Manuel García Barros da Estrada, á que tamén asistiu o director xeral de Loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba.

“A cultura é unha ferramenta que se ten demostrado válida e eficaz contra a intolerancia, o sexismo, a violencia ou outros comportamentos sociais inaceptables a erradicar” asegurou López Campos, quen o atribuíu a que “consegue tirar proveito do potencial que teñen as emocións coas que se traballa para concienciar, sensibilizar e propiciar unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

O representante de Cultura do Goberno galego considerou “máis que necesaria e axeitada” este tipo de programacións culturais para darlle visibilidade “a problemas tan importante e tan sensibles, como é, neste caso, a violencia sexista” e que, ao seu entender, son creacións artísticas que contan “con máis valor, se cabe, cando se representan e dirixen á xente máis nova”.

Responsabilidade transversal e colectiva

Ao respecto, defendeu que desde todos os ámbitos, que van desde a Administración á ensinanza, á familia, ao medios de comunicación e ao global da sociedade, “se ten a responsabilidade de inocular na nosa xuventude que as relacións, sexan de parella, amizade, laborais ou de convivencia social, só poden estar baseadas na igualdade e no respecto”. “E desde a cultura, na difusión desta mensaxe, temos moito que aportar”, aseverou.

Neste senso, López Campos salientou o feito de que esta representacións teatral se poida ofrecer e achegar a concellos do rural, como o da Estrada, e que inscribiu dentro das liñas de actuación da recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha normativa pioneira que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, pero que xa recolle froitos dunha estratexia na que xa levamos moito tempo traballando no Goberno galego”, concluíu.

Comparte