Nova: A Xunta e Afundación levan á Coruña a aventura dixital ‘Hábitats. Natureza estendida’ para ampliar a nosa mirada sobre a importancia da biodiversidade

11/04/2025

A Xunta e Afundación levan á Coruña a aventura dixital ‘Hábitats. Natureza estendida’ para ampliar a nosa mirada sobre a importancia da biodiversidade

López Campos enmarca esta proposta no seu compromiso de ofrecer contidos impulsados pola Cidade da Cultura noutros territorios de Galicia

Trátase dun dos proxectos de arte dixital de máis éxito dos producidos ata hoxe pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

‘Hábitats’ emprega tecnoloxías de realidade virtual e aumentada para mergullar ao público nun escenario máxico e interactuar con recreacións de animais e plantas dos cinco continentes

Poderá visitarse na sede de Afundación do 24 de abril ao 13 de setembro e as entradas están xa á venda

A Coruña, 11 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director xerente de Afundación, a Obra Social de ABANCA, Pedro Otero, presentaron esta mañá a itinerancia da instalación inmersiva Hábitats. Natureza estendida, que abrirá as súas portas na sede de Afundación na Coruña o vindeiro día 24 de abril. López Campos apuntou “a importancia de levar Hábitats a outras localidades de Galicia máis alá da súa instalación orixinal na Cidade da Cultura, para que todas as galegas e galegos poidan vivir esta aventura dixital centrada na biodiversidade do planeta”.

O conselleiro de Cultura subliñou que se trata dun dos proxectos inmersivos de máis éxito dos realizados ata hoxe en Galicia, que esgotou entradas nos tres primeiros meses do tempo que estivo aberto no Museo Centro Gaiás. “Grazas á colaboración entre Afundación e a Xunta para a súa apertura na cidade da Coruña, agárdase chegar a un público moito máis amplo das 11.000 persoas que visitaron xa a instalación”, afirmou.

Polo seu carácter innovador, potencial e versatilidade, López Campos apuntou as artes dixitais como un dos sectores que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a potenciar nas súas accións de apoio a creación contemporánea galega. Esta liña de actuación busca tamén fornecer de contido o futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia, que ten previsto rematar as súas obras a finais de ano na Cidade da Cultura.

Pola súa parte, o director xerente de Afundación salientou que ”neste proxecto, Afundación identificou de inmediato a presenza dalgunhas das súas liñas estratéxicas, como, sen dúbida, son a innovación, a sostibilidade e o progreso das persoas e as sociedades a través da cultura. Cremos firmemente na necesidade de orientar as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías cara á consolidación de proxectos encamiñados a promover condutas responsables, éticas e comprometidas como as que permean Hábitats. Nesta experiencia comprendemos, por exemplo, a necesidade de coidar a pluralidade de ecosistemas, porque, como nos explicaba Tim Flach, o recoñecido fotógrafo de natureza nas súas mostras con Afundación sobre especies en perigo de extinción, Emocións en perigo, ademais de atender os propios animais, necesitamos concienciarnos sobre a importancia que require a protección das súas contornas. E isto mesmo acentúa Hábitats”.

A instalación, distinguida polo Observatorio da Cultura como un dos mellores proxectos dixitais do ano en España, abrirá ao público o vindeiro 24 de abril e poderá visitarse ata o 13 de setembro. As entradas poden xa adquirirse a un prezo de 3,5 € en Ataquilla. Estará aberta de luns a sábado (festivos incluídos) e haberá catro sesións de mañá e seis de tarde cada día, cunha duración aproximada de 30 minutos cada unha.

Empatía e respecto polo medio ambiente

Hábitats. Natureza estendida combina arte e tecnoloxía ao servizo dun relato para todos os públicos que promove a descuberta e a responsabilidade á hora de relacionarnos co medio ambiente. Poñer as lentes de realidade virtual permite viaxar polos cinco continentes, observar de preto e incluso tocar animais e plantas como axolotes, leoas, corais, acacias, focas e elefantes, entre outras moitas.

Deseñada polos irmáns Noela e Carlos Seijo, fundadores do estudo audiovisual galego Maxina, a experiencia recrea os ecosistemas de nove lugares do planeta empregando elementos de realidade virtual e aumentada. Esta tecnoloxía permite, coas lentes postas, ver en todo momento o mundo físico ao redor e moverse de maneira segura polo espazo. Sobre esta realidade física, desprégase unha natureza dixital vibrante que se ilumina desde o interior para mostrarse á vez fermosa e vulnerable e espertar a empatía das persoas visitantes.

Programa de itinerancias

Propostas como Hábitats ou o catálogo de experiencias de realidade virtual que compoñen o Galiverso son dous exemplos de producións dixitais que naceron no Gaiás pero grazas ao programa de itinerancias da Cidade da Cultura, amplían o seu alcance a outras localidades do país.

Neste programa resulta fundamental a colaboración de institucións como Afundación, que fixo posible levar máis alá do Gaiás proxectos expositivos como As miradas de Isaac (A Coruña, 2021), Galicia Futura (A Coruña e Lugo, 2022) ou máis recentemente a mostra de arte contemporáneo Outras historias posibles, que se inaugurou este mes de abril no Café Moderno Afundación de Pontevedra.

Comparte