Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor o legado xornalístico e literario de Camilo José Cela

11/04/2025

Anxo M. Lorenzo pon en valor o legado xornalístico e literario de Camilo José Cela

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o compromiso da Xunta coa preservación, investigación e divulgación da obra do Nobel galego 

Nos faladoiros tamén participaron as fundacións dos autores Carlos Casares e Gonzalo Torrente Ballester 

Padrón (A Coruña), 11 de abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á I Xornada Xornalismo e literatura de onte e hoxe, que se celebrou na Fundación Camilo José Cela e onde puxo en valor o legado xornalístico e literario do Nobel galego no marco do L aniversario do seu nomeamento como Socio de Honra da Asociación da Prensa de Madrid.

Ao abeiro desta cita, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu no compromiso da Xunta de Galicia coa preservación, investigación e divulgación da obra de Cela “a través de xornadas como esta, coas visitas ao museo ou coa recente dixitalización e disposición ao público das cartas do autor relacionadas con Galicia”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé en que este traballo é posible a través da Fundación Pública Camilo José Cela que difunde o legado dun dos autores máis ilustres e agradeceu a colaboración das fundación Carlos Casares e Gonzalo Torrente Ballester nestes coloquios. Deste xeito, tal e como sinalou, a xornada afondou nas traxectorias dos tres escritores tanto no eido do xornalismo como no literario.

Actividades divulgativas e de lecer 

Ademais, o representante da Xunta convidou á cidadanía a achegarse ata as instalacións da Fundación, que conta cunha ampla diversidade de actividades divulgativas e de lecer, así como a exposición permanente que recompila a bagaxe vital e literaria do autor. No marco desta programación, lembrou que o vindeiro día 23 de abril, con motivo do Día do Libro, a entidade celebrará unha lectura da obra Madera de boj, que este ano celebrou o 26 aniversario da súa publicación. 

Comparte