Nova: López Campos celebra a apertura da Igrexa das Dores coincidindo co inicio da Semana Santa

11/04/2025
López Campos celebra a apertura da Igrexa das Dores coincidindo co inicio da Semana Santa
Os traballos de rehabilitación do inmoble realizáronse entre 2021 e 2024 cun investimento por parte da Xunta de máis de 600.000€
Trátase dun ben catalogado con destacada relevancia por ser parte do patrimonio cultural do Camiño Inglés e sede dunha das confrarías ferrolás máis recoñecidas
Resalta a importancia “de recuperar e abrir de novo este templo nun momento tan especial como son estas datas en Ferrol e en concreto neste Venres de Dores”
Ademais, incide no “compromiso do Goberno galego coa restauración, conservación e protección dos monumentos estendidos por todo o territorio”
Ferrol, 11 de abril de 2025
O Conselleiro de Cultura Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, visitou hoxe a igrexa da Nosa Señora das Dores, que abre as súas portas despois de permanecer pechada ao culto desde 2018 e que foi obxecto de varias intervencións desde o 2021 cun investimento total da Xunta de algo máis de 600.000€.
Así, o representante do Goberno galego mostrou a súa ledicia “por recuperar e poder abrir as portas deste templo de novo nun momento tan especial como é este Venres de Dores” destacando que se trata dun ben catalogado “de especial relevancia tanto na Semana Santa ferrolá como formando parte do patrimonio cultural do Camiño Inglés”. Neste senso, incidiu en que a actuación levada a cabo na igrexa está enmarcada “no firme compromiso da Xunta coa restauración, conservación e protección dos monumentos estendidos por todo o territorio e, especialmente, aqueles situados nas rutas xacobeas”.
López Campos lembrou que se trata dun “proxecto ambicioso e laborioso” debido ao mal estado no que se atopaba o inmoble e que comezou, nunha primeira fase, con traballos de seguridade nos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou 298.668€ entre 2021 e 2022. Así mesmo, indicou que a Xunta financiou con 338.624€ a segunda fase da restauración ao abeiro do convenio de colaboración asinado en agosto de 2023 coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Tras estas primeiras fases, está prevista unha nova actuación de limpeza e consolidación das torres no marco dun novo convenio para este 2025.
Deste xeito, os traballos da última intervención levada a cabo consistiron na limpeza e restauración da pedra da fachada e a eliminación de vexetación nas torres, así como na substitución da carpintería exterior da sancristía e a incorporación cara o interior do aseo eliminado do corralón. Ademais, restauraronse as portas existentes da devandita sancristía e as que a comunican co presbiterio. Así mesmo, no interior da nave pintaronse os lenzos da bóveda e a cúpula e recuperouse a cantería no altar e presbitério. Para completar o proxecto, restaurouse a antiga varanda do coro e arranxáronse os pavimentos.
Tamén se repararon as deformacións do arco do retablo do altar principal, assegurando a súa estabilidade e consolidouse o lintel da porta de acceso. A todos estes traballos sumáronse os da instalación de saneamento e recollida de augas pluviais e a renovación da instalación eléctrica, de alumeado e megafonía.
Problemas estruturais
A igrexa da Nosa Señora das Dores levantouse segundo o proxecto do arquitecto Antonio de Bada y Navajas, rematando as obras no ano 1780, pero sen realizarse as torres laterais previstas na fachada orixinal, que non se construiron ata 1854. Xa dende o inicio da súa execución se constataron problemas estruturais no edifício constituído por unha soa nave cuberta con bóveda de canón de ladrillo.
O templo, ademais de estar catalogado, inclúese no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena, catalogado como Ben de Interese Cultural coa categoría de conxunto histórico. Ademais, funciona como sede da Confraría das Dores, unha das agrupacións máis importantes da Semana Santa ferrolá.