Nova: A Xunta de Galicia convida a cidadanía a descubrir polo miúdo a arquitectura do Gaiás cun programa de visitas monográficas para achegarse aos seus espazos

12/04/2025
A Xunta de Galicia convida a cidadanía a descubrir polo miúdo a arquitectura do Gaiás cun programa de visitas monográficas para achegarse aos seus espazos
Baixo o título ‘Outra mirada’, cada unha das quendas de visita está enfocada en afondar nun lugar diferente, con itinerarios singulares que inclúen desde os depósitos de obra do Museo Gaiás, aos fondos da Biblioteca e Arquivo de Galicia
Áreas normalmente restrinxidas ao público, como a galería subterránea que conecta o complexo, ou a contorna verde do monte, coa súa fauna e flora característica, serán tamén protagonistas destes percorridos explicativos
Este ciclo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolverase en diferentes fins de semana de abril e de maio
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convida a cidadanía a achegarse á arquitectura e funcionamento da Cidade da Cultura de Galicia a través dun completo programa de visitas guiadas monográficas para descubrir os seus diferentes espazos. Englobadas baixo o título Outra mirada, cada quenda de visita afondará nun lugar diferente do complexo do Gaiás, incluíndo os seus edificios, zonas naturais e tamén lugares restrinxidos ao público.
A impresionante galería que conecta todo o complexo baixo terra, os depósitos de obras de arte do Museo Centro Gaiás, a sala de climatización, os fondos custodiados pola Biblioteca e o Arquivo de Galicia, ou os espazos verdes do monte son algúns dos puntos destacados destes itinerarios que nos levan desde as Torres Hejduk ao Fontán: o primeiro e o último dos edificios erixidos na Cidade da Cultura.
O ciclo arrincará o sábado 26 de abril cunha visita para achegarse ao funcionamento do Museo Centro Gaiás, nun percorrido que tanto permitirá afondar nas liñas mestras da arquitectura de Peter Eisenman, como comprender o funcionamento dun equipamento preparado para acoller desde exposicións de gran formato a propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como concertos ou espectáculos escénicos).
Con 43 metros de altura e unha superficie de 16.000 metros cadrados, o Museo Centro Gaiás conta con solucións técnicas singulares propias de infraestruturas desta envergadura, como un montacargas con capacidade para elevar ata 11 toneladas (equivalente ao peso de tres coches), que poderán descubrir as persoas participantes nesta actividade.
Quendas nas fins de semana de maio
Ao longo do mes de maio, o ciclo de visitas Outra mirada achegarase tamén ao Fontán, o último dos edificios construídos no Gaiás, ou á Biblioteca e Arquivo de Galicia, dúas institucións de referencia na conservación do patrimonio bibliográfico e documental da nosa comunidade que nas súas instalacións na Cidade da Cultura conservan desde o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, a obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, as obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia.
Tamén os espazos verdes do monte Gaiás protagonizarán unha destas visitas especiais, que dará a posibilidade de afondar en como a arquitectura transformou a forma da montaña e xerou novos hábitats que foron xa reclamados pola natureza. Un percorrido para entender as pautas de deseño dos parques e xardíns da Cidade da Cultura ou achegarse ás especies vexetais e animais do Bosque de Galicia ou o Parque do Lago, onde crían aves como o somorgullo e a galiñola, que antes non habitaban neste espazo.
Visita a espazos ocultos
O último destes percorridos monográficos centrarase nalgúns dos espazos do Gaiás que permanecen agochados ao ollo do público, como a galería de servizos subterránea que conecta toda a Cidade da Cultura por debaixo da terra e por onde circulan desde transportes de obras de arte, a maquinaria ou provedores de servizos. Esta actividade é unha das poucas ocasións para deixarse sorprender por esta túnel que conecta o Gaiás de norte a sur e por outros lugares ocultos, como a sala de climatización que se atopa baixo as Torres Hejduk, onde se xera o calor para todos os edificios.
Todas as visitas son de balde, con inscrición a través da páxina web, onde poden consultarse as quendas, horarios e dispoñibilidade de prazas.