Nova: A Xunta incrementa un 40 % as axudas para apoiar certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado

17/04/2025

A Xunta incrementa un 40 % as axudas para apoiar certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 70.000 euros para colaborar con institucións sen fin de lucro nos custos da organización destes festivais, feiras ou ciclos

A subvención máxima que poden recibir é de 7.000€ e deben contar cun 30 % da súa actuacións artísticas a cargo de grupos ou compañías galegas

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2025

A Xunta destinará 70.000 euros para apoiar a celebración de certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para este 2025. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementa nun 40 % esta partida con respecto ao pasado ano e que dirixe exclusivamente a institucións sen finalidade de lucro.

A solicitudes para acceder a estas subvencións poderán presentarse ata o 7 de maio e non poderán costear máis do 70 % do orzamento total do proxecto. En todo caso, a axuda máxima que se pode recibir é de 7.000€ por festival, feira, mostra, ciclo ou certame, que deberán cumprir unha serie de  requisitos.

A este respecto, os criterios que deben contar pasan por unha duración mínima de calquera destes formatos escénicos ou musicais de dous días consecutivos e máxima de seis. Neste caso, cando menos dúas xornadas deben ser seguidas. Ademais, o orzamento destinado á contratación artística non poderá supera o 50 % do orzamento do proxecto presentado e o importe por actuación non debe excederse dos 10.000€.

De igual xeito, exíxese que a programación destas citas culturais inclúa un 30 % do total das actuacións artísticas a cargo de grupos ou compañías galegas, ao que se lle engade que a entrada a estes eventos terá que se libre e de balde.

Actuacións excluídas

Quedan excluídas desta convocatoria as programacións culturais de carácter xeral, espectáculos e xiras fóra do marco da organización dun festival ou actuacións itinerantes que formen parte doutros eventos. Da mesma forma, ao abeiro desta orde non se sufragarán cursos e actividades de formación e divulgación, como obradoiros, seminarios, conferencias, encontros ou similares.

Igualmente, non entran nesta axuda proxectos de carácter exclusivamente académicos e os actos conmemorativos, tampouco os premios e as galas, as actividades non dirixidas ao público en xeral, as lúdico-deportivas, as festas patronais ou gastronómicas, as feiras sectoriais e as actividades de promoción turística. Finalmente, quedan fóra aqueles festivais ou proxectos que xa contan con financiamento da Dirección Xeral de Cultura ou que poidan acollerse a outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Comparte