Nova: A Xunta e a Federación de Librarías de Galicia lanzan o calendario das Feiras do Libro deste ano con 13 citas

21/04/2025
A Xunta e a Federación de Librarías de Galicia lanzan o calendario das Feiras do Libro deste ano con 13 citas
O director xeral de Cultura participa na presentación desta iniciativa, baixo o título ‘Onde florecen os libros’, na que se desenvolverá unha maior variedade de actividades
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ratifica o seu convenio con esta entidade para impulsar este sector que incrementa o número de lectores e compras en Galicia
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do calendario das Feiras do Libro de 2025, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. Grazas a el, un total de 13 municipios encherán as súas rúas de libros desde finais de abril ata finais de agosto.
Este ano, o calendario levará a cidades das catro provincias galegas multitude de propostas lúdicas para o público de todas as idades. Durante a celebración destas citas haberá presentacións, sinaturas de libros, coloquios, mesas redondas, actividades infantís e debates, entre outras actividades.
Baixo o título Onde florecen os libros, a cita inaugural será en Ferrol, do 25 ao 27 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 3 ao 11 de maio; en Lugo do 13 ao 17 de do mesmo mes, e no Porriño do 29 de maio ao 1 de xuño. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do día 12 ao día 15, mentres que en Ourense será do día 18 ao día 21. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 10 ata o 13 e en Rianxo do día 24 ao 27 de xullo. Finalmente, en agosto as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña do día 1 ata o 10, a Viveiro do día 12 ao 15, a Foz do día 16 ao día 19 e rematarán en Monforte de Lemos do día 20 ao 23 de agosto.
Así se expuxo durante a presentación na Cidade da Cultura, onde o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou a ocasión para poñer en valor o convenio que se ratificou coa Federación de Librarías de Galicia para o impulso do sector libreiro a través da convocatoria destas feiras. Ademais, enxalzou o cartel deste ano que, elaborado por María Lapido, “é unha ilustración que se inspira no lema elixido, onde os libros e os lectores comparten espazo coa natureza e agroman desde o chan como as flores”.
Aumenta o número de lectores e de compras
Neste senso, o director xeral remarcou o papel que xogan as librarías na nosa Comunidade que tal e como constata o recente informe avaliado polo Consello da Xunta seguen a manterse como espazo principal onde os galegos e galegas mercan os seus libros. Tal e como apuntou Anxo M. Lorenzo “o sector está a vivir un gran momento xa que un 67,4% da poboación galega mercou algún libro no último ano, o que supón case 10 publicacións por persoa”.
No marco deste estudo sinalou que máis do 97% da poboación maior de 14 anos le de xeito frecuente dando conta de que as políticas do Goberno galego vencelladas ao sector libreiro e coa dinamización da lectura están a funcionar. Deste xeito, “esta análise pon de manifesto que debemos seguir impulsando este tipo de citas das que se nutren escritores, editoriais, librarías e lectores”, incidiu.