Nova: A Xunta renova a súa colaboración con COGAMI para seguir impulsando experiencias culturais

21/04/2025
A Xunta renova a súa colaboración con COGAMI para seguir impulsando experiencias culturais
- O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio entre o Goberno galego e a entidade para continuar desenvolvendo o proxecto 'En-Red-Arte', que vai pola quinta edición
- O programa achega actividades relacionadas coa cultura ás persoas con diversidade funcional e fomenta os seus hábitos de asistencia a eventos neste eido
- Para lograr os seus obxectivos lévanse a cabo obradoiros de escritura creativa, creación artística e artes escénicas
- Con estaaxuda de 25.000€ a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue a liña marcada pola Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade renovarán a súa colaboración para levar a cabo o proxecto En-Red-Arte, unha iniciativa que ten por obxecto facilitar a formación e o acceso á cultura das persoas con diversidade funcional. Así se acordou no Consello de hoxe, que lle deu luz verde á sinatura dun novo convenio ao que o Goberno galego destina 25.000€ para o desenvolvemento desta quinta edición da iniciativa.
Deste xeito, o Executivo afianza o seu compromiso un ano máis con este proxecto, que está en marccha desde o 2015 e se realiza de cada vez en dúas anualidades, dándolle continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos anos nos que levan participado na iniciativa máis de 800 usuarios. Ademais, esta colaboración concorda coas liñas establecidadas pola Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta e que ten como obxectivo achegar a cultura á sociedade eliminando todo tipo de barreiras, xa sexan físicas ou cognitivas, ou de calquera outra índole.
Neste senso, o conxunto de propostas de En-Red-Arte está deseñado para proporcionarlles ás persoas con diversidade funcional a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe e que lles permita desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico. Ao mesmo tempo, preténdese incentivar o hábito de frecuentar actividades e eventos culturais, romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal.
Para lograr estes obxectivos, nesta nova edición levaranse a cabo distintos obradoiros pensados par que os particpantes acaden unha base de coñecementos na materia concreta e, a partir de aí, fomentar o seu espírito creativo e artístico en cada unha das disciplinas que se tratan, tendo en conta os gustos persoais de cada quen.
Actividades
O programa de actividades a desenvolver no marco deste novo convenio 2025-2026 inclúe unha variedade de propostas que van desde as artes escénicas e a escritura creativa ata obradoiros de creación artísitca.
Así, as persoas participantes poderán experimentar con diferentes disciplinas como a comunicación e expresión das emocións cun obradoiro de linguaxe corporal ou coa retransmisión dunha obra teatral a través únicamente do son grazas ao teatro radiofónico.
Ademais, poderán crear e reflexionar expresando ideas e sentimentos coa palabra cunha proposta de elaboración de relatos guiados por unha persoa profesional. A isto engádenselle outras opcións que tratan de potenciar a creatividade, o espírito crítico e a toma de decisións con talleres de cerámica, talla de vidro, traballos con plantas e flores secas ou a experimentación coa arte da estampaxe con diferentes técnicas e materiais.