Nova: O Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro estrean a coprodución ‘Profetas’ en Lugo

22/04/2025
O Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro estrean a coprodución ‘Profetas’ en Lugo
A cita será o xoves 24 de abril ás 20,30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Carlos Álvarez-Ossorio dirixe esta peza escrita por Ernesto Is, gañadora do Premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2021
O espectáculo poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 3, 4 e 5 de maio
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acolle este xoves 24 de abril a estrea do espectáculo Profetas, a nova coprodución do Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro. A función será ás 20,30 horas no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cultural impulsado e cofinanciado pola Xunta de Galicia con actividade en máis de 40 escenarios do país.
Elea López e Carlos Rebolo, fundadores da compañía luguesa, son os protagonistas de Profetas, un espectáculo dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio que leva a escena a peza pola que o dramaturgo Ernesto Is obtivo o XVI Premio Abrente de textos teatrais da MIT Ribadavia en 2021. Para a súa montaxe contaron tamén coa colaboración da MIT, ademais da do Concello de Lugo e das Deputacións de Lugo e A Coruña.
A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volven a atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción.
A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento.
Trala súa estrea en Lugo, chegará ao Salón Teatro de Santiago de Compostela a comezos de maio, con funcións para público xeral o sábado 3 ás 20,00 h. e o domingo 4 ás 18,00 h., así como un pase especial para escolares o luns 5 en horario de mañá. As localidades para a estrea en Lugo están á venda na web entradaslugo.es, en tanto que para as representacións en Santiago de Compostela poden adquirirse tamén na plataforma dixital Ataquilla ou no portelo do Salón Teatro nos días de apertura desde dúas horas antes de cada función.
A compañía ten previsto visitar tamén en Sarria, Meira, Quiroga, Burela, Vilalba, Barreiros, Ribadavia, Cedeira e Outes.