Nova: As bibliotecas galegas celebran o Día do Libro con medio cento de actividades para todos os públicos

22/04/2025

As bibliotecas galegas celebran o Día do Libro con medio cento de actividades para todos os públicos

Visitas guiadas, obradoiros, contacontos, concertos, rutas divulgativas, exposicións, charlas e outras propostas conforman a programación ao redor do 23 de abril

As entidades xestionadas pola Xunta de Galicia organizan unha ampla axenda cultural que se estende ata finais deste mes

Santiago de Compostela, 22 abril de 2025

As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia súmanse á celebración de Día do Libro con preto dun cento de propostas que se espallarán desde a mesma data da efeméride, mañá, 23 de abril, ata finais deste mes. A ampla programación está dirixida a todos os públicos e vencellada á promoción e difusión do libro galego. 

Deste xeito, na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, festexarase co agasallo sorpresa de libros a todas as persoas usuarias e visitantes que se acheguen ata as súas instalacións o mesmo día 23, desde ás 9,00 horas ata esgotar existencias. Tamén ofrecerá visitas guiadas, ás 12,30 horas, nas que se dará a posibilidade de descubrir espazos habitualmente restrinxidos onde se custodian a maior parte dos seus fondos.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés acollerá unha visita escolar, o propio día da efeméride, na que os e as participantes se mergullarán na sesión de Contos nas letras, e que se repetirá o 28 de abril. Este tipo de actividade tamén será a protagonista o venres, 25 de abril, data na que terán lugar os contacontos A pita e a xefa e Lonxe de todos en festas, pensados para os máis pequenos e pequenas. Ademais, ata finais de mes pode verse a mostra bibliográfica Un libro, un soño, creada ex profeso co gallo desta celebración.

A Biblioteca Pública de Lugo tamén conta cunha exposición ao redor do Día do Libro, que se verá completada con catro visitas guiadas para os colexios, que se organizarán mañá, mércores, e o 30 de abril, de 10 a 11 horas. A maiores, tamén o mesmo 23 de abril está prevista unha sesión de contos de tradición oral da recoñecida narradora Carolina Rueda, destinada ao público adulto.

Esta programación estará completada con dous encontros con autores, Ivet Núñez e Francisco Narla, que se celebrarán os días 25 e 30 de abril, respectivamente, aos que se lle engade a sesión de contacontos de Migallas Teatro que leva por título Garavanciño, tamén o día 25. Incorpóranse a estas actividades unha cita culinaria, o 28 de abril, con profesionais da restauración da cidade e que incluirá unha degustación baseada no libro de receitas homenaxe á marquesa de Parabere, María Mestayer.

Xa en Ourense, a Biblioteca Pública Nós está a conmemorar Día do Libro con catro exposicións bibliográficas, nas que as persoas visitantes poden profundar nas publicacións denominadas ‘Pop-u’, na literatura clásica e tamén na adaptación á banda deseñada de novelas recoñecidas. Engádeselle a este calendario dúas sesións de contacontos o 24 de abril. Está dirixida a bebés, de 1 a 3 anos de idade, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta. 

Ademais, a Biblioteca Nós transformarase o vindeiro venres,  25 de abril, nun escenario onde os contos populares cobrarán vida. Para iso, de 21 a 22,30 horas, as familias que previamente se inscriban gozarán dunha experiencia única, na que descubrirán este espazo e estas historias recreadas dun xeito orixinal e diferente. Completará esta programación un concerto, o sábado, 26 de abril, en colaboración co Conservatorio de Música de Ourense.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola ten xa instalada ata final de mes unha mostra bibliográfica que convida a unha viaxe pola cidade a través das páxinas de novelas. A esta exposición sumáselle, o mesmo 23 de abril, o obradoiro Scriptorium, onde os rapaces e rapazas poderán achegarse á importancia dos copistas, dos códices e dos instrumentos básicos para encadernación deste tipo de publicacións. Dúas xornadas máis tarde, o venres 25, tamén poderán gozar dunha sesión de contacontos ilustrados e musicados por Enrique Labarta, que guiará a cativada nun obradoiro de debuxo.

Unha axenda moi cultural

Na capital galega, a Biblioteca Pública Ánxel Casal conta cunha ampla axenda para celebrar o Día do Libro cunha ducia de actividades, nas que se inclúen tres mostras bibliográficas e unha exposición de gravados do século XIX. Todas elas poden visitarse ata finais deste mes.

En todo caso, a véspera do 23 de abril xa comeza a conmemoración desta efeméride cun obradoiro de cómic autobiográfico da man de Denis Carballás, ás 17,30 horas, e que está dirixido ao público mozo e adulto. Xa a mesma data do Día do Libro haberá unha visita guiada ás 12 horas, que se completará cun sorteo de catro lotes de libros e cunha ruta divulgativa por Compostela para coñecer a pegada da Inquisición en Compostela.

Ao longo desta semana, as persoas interesadas poderán participar na votación das cinco novelas finalistas da XVIII Edición Premio Novela Europea Casino de Santiago, a través dunha caixa de correo instalada na biblioteca. Ademais, o venres 25 presentaranse os libros gañadores do certame Simbad para o Recordo. A continuación, o sábado 26, o público familiar poderá desfrutar do espectáculo musical de Pablo Díaz Contando números, cantando cores.

Finalmente, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo realizará visitas guiadas o 23 de abril, ás 12,00 e ás 18,00 horas, nas que os participantes poderán descubrir a mostra Anatomía dun libro, coa que se pretende dedicarlle unha exposición ao libro en si mesmo, desde os elementos constitutivos aos manuais e materias que o tratan como obxecto.

Comparte