Nova: A Xunta lanza a cuarta convocatoria das axudas para Residencias Artísticas no Gaiás con 8.000 € por proxecto incluíndo por primeira vez as artes dixitais

24/04/2025

A Xunta lanza a cuarta convocatoria das axudas para Residencias Artísticas no Gaiás con 8.000 € por proxecto incluíndo por primeira vez as artes dixitais

Outorgaranse un total de seis axudas a proxectos inéditos vinculados ás artes escénicas, artes visuais, música, deseño e, como novidade, ás artes dixitais

As estadías desenvolveranse na Cidade da Cultura por un período de tres semanas a mes e medio entre os meses de setembro e novembro e contarán co apoio dunha persoa mentora especialista

O prazo para presentar candidaturas está aberto ata o 23 de maio de 2025

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

A Xunta de Galicia convoca por cuarto ano consecutivo as axudas ao desenvolvemento de proxectos artísticos no marco das Residencias Artísticas do Gaiás. Como novidade, esta edición incorpora as artes dixitais entre as disciplinas creativas que poden optar á convocatoria, xunto coas artes escénicas, visuais, a música e o deseño. En total, ofértanse seis axudas dotadas con 8.000 euros cada unha, dúas delas reservadas para propostas escénicas.

As artes dixitais entran a formar parte desta convocatoria como parte da aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por dar impulso ao talento galego nunha área cun enorme potencial de desenvolvemento e gran demanda por parte do público. Experiencias inmersivas e interactivas, obras baseadas en procesamento de datos, ou videomapping son algúns exemplos de proxectos que poderán optar ás axudas e incluso chegar a fornecer o Centro de Artes Dixitais de Galicia que se está a construír no Gaiás.

A liña das Axudas das Residencias artísticas do Gaiás enmárcase no obxectivo estratéxico da Consellería da Cultura de apoiar a creación artística, empregando a Cidade da Cultura de Galicia como unha das ferramentas chave nesta meta. Así, ademais desta iniciativa, o Gaiás despregará este ano todo un abano de medidas para apoiar á comunidade de creadores, iniciativas que suman un investimento de 166.000 euros.

Ademais do apoio económico, as persoas beneficiarias contarán cun espazo para traballar no seu proxecto na Cidade da Cultura durante un período de entre tres semanas e mes e medio. Nese tempo disporán, igualmente, de recursos técnicos e humanos propios do Gaiás e do acompañamento dunha persoa mentora experta na área creativa á que se vincule a proposta.

As residencias artísticas desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2025, e ao remate das mesmas realizarase unha presentación do resultado obtido, nun encontro aberto co público. Ademais, valorarase a posibilidade de que os proxectos poidan formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura.

Solicitudes ata o 23 de maio

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 23 de maio de 2025 e efectuarase, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia.

Cada aspirante deberá acompañar a solicitude dunha memoria onde explique de maneira detallada o concepto e os obxectivos que pretende acadar, a viabilidade da súa materialización (incluíndo o orzamento previsto a modo de valoración), a xustificación da oportunidade dentro da súa traxectoria artística e a categoría á que se vincula o proxecto, así como a súa posible relación con outras disciplinas creativas. As propostas poderán ter unha vertente práctica, de investigación ou mixta.

Un xurado profesional, integrado por persoal da Fundación Cidade da Cultura e persoas de recoñecida traxectoria e competencia no sector cultural, será quen seleccione as propostas beneficiaras en base á documentación achegada nas inscricións.

Comparte