Nova: A Xunta amplía a colección de intervencións artísticas do bosque de Galicia cunha escultura de Ramón Conde

24/04/2025
A Xunta amplía a colección de intervencións artísticas do bosque de Galicia cunha escultura de Ramón Conde
López Campos reafirma a aposta da Cidade da Cultura por “nutrir os seus espazos exteriores de creacións que complementen as corenta hectáreas verdes do complexo”
A obra, situada no parque infantil, evoca a través da figura paterna o contraste entre a fortaleza, a fraxilidade e a protección
Ramón Conde é un dos escultores galegos máis recoñecidos, moi influenciado polo expresionismo, o surrealismo e o interese na psicoanálise
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou esta mañá a escultura Paternidade, de Ramón Conde (Ourense, 1951), no parque infantil do Monte Gaiás. A peza amplía a colección de intervencións artísticas do Bosque de Galicia, na que se inclúen grandes referentes da escultura contemporánea como Manolo Paz, Francisco Leiro, Acisclo Manzano, Clara Montoya, Alicia Framis, Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou.
López Campos reafirmou así a aposta da Cidade da Cultura por “nutrir os seus espazos exteriores de creacións que complementen as corenta hectáreas verdes que acubillan o complexo”. No acto, o conselleiro estivo acompañado polo autor, Ramón Conde; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Durante a presentación, López Campos sinalou “a importancia de combinar arte e natureza no gran pulmón verde de Santiago de Compostela”.
Paternidade dialoga coa contorna do Monte Gaiás reflectindo un mecanismo básico da natureza, xa que para que unha nova vida poida saír adiante precisa de protección. A escultura, feita de bronce e cun peso de 120 quilogramos, representa a figura dun pai apertando un neno co fin de evocar o contraste entre a fortaleza e a fraxilidade. O artista di reflectir nesta peza un sentimento que descansa na súa propia experiencia como pai e fillo. De feito, a paternidade é un tema que rexorde en varias ocasións ao longo da súa traxectoria.
A obra de Ramón Conde, un dos escultores galegos máis recoñecidos, e moi influenciado polo expresionismo, o surrealismo e o interese na psicoanálise, complementa un conxunto de sete pezas artísticas que enriquecen os espazos exteriores do Gaiás.
As creacións artísticas do Bosque de Galicia
Esta peza súmase a outras intervencións realizadas nos espazos exteriores do Gaiás por creadores e creadoras fundamentalmente galegas, aínda que con achegas de artistas de fóra da Comunidade.
No cumio do monte atópase Espellos, de Manolo Paz, que funciona como unha gran fiestra de pedra mediante a que contemplar a capital galega desde unha perspectiva única. Preto dela tamén se pode gozar da obra Zapatos no Camiño, de Francisco Leiro, que establece un diálogo coa Vía da Prata, que transcorre paralela ao complexo. A artista Clara Montoya tamén deixou a súa pegada no Gaiás coa súa obra Constelacións II, que permite observar as estrelas ao son do movemento da terra a través duns asentos con autofalantes incorporados.
Outras pezas artísticas que se localizan no complexo son O prisma dos sentidos, de Acisclo Manzano; Deixa aquí os teus medos, de Alicia Framis; e Metáforas: pegadas dun percorrido, de Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou, ás que agora se lles suma a peza de Conde. Estas obras teñen por obxecto ampliar os atractivos dos espazos naturais do Monte Gaiás, un gran pulmón verde onde están a medrar máis de doce mil árbores de especies autóctonas, cunha ampla rede de sendas, miradoiros, lagos, áreas de xogo infantil, así como unha pista de BMX ou un labirinto.