Nova: A Xunta estrea a terceira tempada do podcast literario ‘Entreliñas‘ no marco da celebración do día do libro

24/04/2025
A Xunta estrea a terceira tempada do podcast literario ‘Entreliñas‘ no marco da celebración do día do libro
O primeiro programa, presentado por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, conta co testemuño das escritoras Fina Casalderrey e Ledicia Costas, recoñecidas no eido da literatura infantil e xuvenil
Menciónase o renacemento da revista ‘Criaturas’ e preséntase a nova ruta da biblioteca móbil ‘A Furgoteca’, que percorre a zona occidental de Ourense
A iniciativa contará con oito capítulos cos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca achegar ao público o mundo do libro e as actividades nas bibliotecas
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
A Xunta de Galicia continúa cos actos de celebración no marco do Día do Libro, que se celebrou onte, coa estrea da terceira tempada do podcast literario Entreliñas. Trátase dunha iniciativa que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas.
Este primeiro programa, presentado por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, conta co testemuño das recoñecidas escritoras Fina Casalderrey e Ledicia Costas. Ambas falarán sobre as súas experiencias traballando no eido da literatura infantil e xuvenil. Por unha banda, Casalderrey, con máis de medio cento de títulos e unha ampla traxectoria, foi nomeada simultaneamente ao Premio Hans Christian Andersen e ao Premio Astrid Lindgren, os recoñecementos máis importantes deste xénero. Pola outra, Costas afonda na súa obra Feriópolis pola que foi recoñecida co galardón Barco de Vapor 2025.
No marco da literatura para os lectores máis mozos interveñen Daniel Landesa, Miguel Vázquez Freire e Tensi Xesteira que xuntos volveron dar vida á revista Critauras. Trátase dunha publicación que naceu en 2014 e que agora retoman con temáticas relacionadas cos libros, a lectura e o ámbito bibliotecario.
Ademais, tamén se presenta a nova ruta da biblioteca móbil que impulsa a Xunta e que, como novidade desde xaneiro, está a percorrer a zona occidental da provincia de Ourense. Durante o programa intervén Remedios Cid, a encargada de facer esta nova ruta xunto con varios lectores que enxalzan o labor deste servizo tanto para o lecer como para o acercamento da cultura ás zonas rurais que non contan con centros de préstamo preto.
Entreliñas, que pode escoitarse a través das plataformas Spotify e Ivoox, contará con oito capítulos que se irán estreando mes a mes e cos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca achegar ao público o mundo do libro e da lectura, así como as actividades e os servizos que pon a disposición da cidadanía.