Nova: A Xunta proxecta a figura de Castelao e a creación literaria galega actual na Feira do Libro de Bos Aires

26/04/2025

A Xunta proxecta a figura de Castelao e a creación literaria galega actual na Feira do Libro de Bos Aires

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realizará unha vintena de actividades no expositor institucional e, paralelamente, no Centro Galicia e Instituto Santiago Apóstol

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurará unha exposición homenaxe ao intelectual galeguista no marco do ‘Ano Castelao’

Henrique Monteagudo, Marcos Calveiro, Miguel Anxo Seixas e Tamara Andrés forman parte da delegación de autores convidados polo Goberno galego

Esta cita forma parte do circuíto internacional vencellados coa promoción e dinamización do libro en galego que fomenta e apoia o Goberno autonómico

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2025

A Xunta proxectará internacionalmente a figura de Castelao e a creación literaria galega contemporánea coa súa participación na Feira do Libro de Bos Aires, un dos eventos culturais máis relevantes de Iberoamérica que se celebra ata o 12 de maio na capital da Arxentina, e que se verá complementado cunha programación paralela no Centro Galicia e no Instituto Santiago Apóstol.

Deste xeito, este ano Galicia volverá contará cun expositor propio de 44 metros cadrados con máis de 150 publicacións, onde se celebrarán unha vintena de actividades —entre conferencias, mesas redondas, presentacións, recitais e concertos— vencelladas gran parte delas á programación internacional do Ano Castelo, que está a celebrar o Goberno galego gallo do 75 aniversario do falecemento do intelectual galeguista.

Nesta liña de proxección internacional dun dos referentes culturais, artísticos e políticos da historia de Galicia, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurará, o 30 de abril, a exposición Castelao e Bos Aires. De Sempre en Galiza a Alba de gloria, no Centro Galicia da cidade bonaerense, estreitamente vencellado ao escritor de Rianxo.

Delegación galega de autores

Precisamente, entre a delegación de autores e autoras convidadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para participar na Feira de Bos Aires atópase Henrique Monteagudo quen, ademais de ser o presidente da Real Academia Galega, é director da Cátedra institucional Castelao na Universidade de Santiago de Compostela. Por este motivo, impartirá diferentes relatorios sobre a obra e figura do autor de Rianxo no expositor institucional do Goberno galego e tamén dentro da programación paralela que se desenvolverá no Centro Galicia e no Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol.

Ademais de Henrique Monteagudo, forma parte desta delegación galega o escritor e director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, quen afondará nas actividades de celebración tamén este mesmo ano do 75 aniversario desta senlleira editorial; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; e a poeta e investigadora literaria, Tamara Andrés. Todos eles intervirán en conferencias, recitais ou charlas que se celebrarán, entre o 29 de abril e o 9 de maio, e permitirán difundir e promocionar a creación literaria galega máis actual.

A participación de Galicia nesta feira de recoñecido prestixio, enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial. Neste senso, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional, concretamente para ter presenza nesta feira, na futura de Boloña (Italia) e nas xa celebradas de Guadalaxara (México) e a Ficomic de Barcelona.

Comparte