Nova: Vaudí ponlles ritmo brasileiro ás cancións de Víctor Manuel no Salón Teatro de Santiago

12/05/2015

Vaudí ponlles ritmo brasileiro ás cancións de Víctor Manuel no Salón Teatro de Santiago

O recital forma parte do ciclo ‘Sons da diversidade’

Vaudí e a súa banda interpretarán os éxitos máis coñecidos do cantautor asturiano versionados en clave de bossa, jazz ou música popular do Brasil

  • Vaudí e a súa banda interpretarán os éxitos máis coñecidos do cantautor asturiano versionados en clave de bossa, jazz ou música popular do Brasil Vaudí e a súa banda interpretarán os éxitos máis coñecidos do cantautor asturiano versionados en clave de bossa, jazz ou música popular do Brasil
  • Cartel do concerto Cartel do concerto

Santiago, 12 de maio de 2015.- Vaudí Cavalcanti ofrece hoxe no Salón Teatro de Santiago o concerto de presentación ao público compostelán do seu último traballo discográfico ‘Un poco de ti’, no que o músico e a súa banda revisan once cancións de Víctor Manuel en clave brasileira. O recital, que dará comezo ás 20.30 horas, forma parte do ciclo ‘Sons da diversidade’, organizado polo Concello de Santiago.

Vaudí (voz e guitarra), Samuel Rodríguez (teclado), Tony Cruz (baixo) e Carlos Mankuzo (batería) compoñen a formación que interpretará sobre o escenario éxitos tan coñecidos como ‘Nada sabe tan dulce como tu boca’ ou ‘Solo pienso en ti’, pasados pola peneira da bossa, o jazz ou a música popular brasileira.

O propio Vaudí, convidado por Víctor Manuel, foi o encargado de abrir os multitudinarios concertos celebrados recentemente en Oviedo para conmemorar os 50 anos de carreira do cantautor asturiano.

Orixinario de Pernambuco (Brasil) e residente en España desde 1993, Vaudí posúe unha traxectoria artística que se caracteriza pola fusión cultural e musical entre os dous países. Editou o seu primeiro disco no noso país en 2000 baixo o título ‘Algo de Brasil’, ao que seguiron outros cinco álbums antes de chegar a este último. De feito, en ‘Un poco de ti’, o artista quere homenaxear tamén a terra asturiana que o acolleu hai máis de 20 anos.

As entradas para asistir ao concerto están á venda na billeteira electrónica entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, e nos horarios habituais de despacho do Teatro Principal. Tamén se poden adquirir hoxe no Salón Teatro a partir das 18.30 horas e ata o comezo da actuación.

Tras este concerto, o Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continuará coa súa carteleira escénica semanal para recibir a compañía galega Talía, que representará os seus dous espectáculos ‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’ entre o xoves 14 e o domingo 17 de maio.
 

Comparte