Nova: Galicia festexa o Día Internacional dos Museos cunha completa programación

14/05/2015

Galicia festexa o Día Internacional dos Museos cunha completa programación

Xornadas de portas abertas, exposicións, obradoiros, actuacións musicais e visitas teatralizadas centran as actividades para conmemorar esta data, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal

  • Cartel conmemorativo do Día Internacional dos Museos Cartel conmemorativo do Día Internacional dos Museos

Santiago, 14 de maio de 2015.- Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia propoñen unha completa e diversa programación de actividades para convidar a todos os galegos e as galegas a celebrar o Día Internacional dos Museos, o vindeiro luns 18 de maio, que este ano se presenta baixo o lema ‘Museos para unha sociedade sustentable’.

No marco desta celebración, o Museo Centro Gaiás, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Massó de Bueu, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), o Museo do Mar de Galicia, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e mais o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) organizan múltiples propostas co fin de lle achegar á cidadanía o patrimonio cultural dun xeito divulgativo e lúdico.

Xornadas de portas abertas, visitas teatralizadas, actuacións de música tradicional, espectáculos escénicos, concertos a cargo de diversas agrupacións, horarios especiais, conferencias, presentacións de libros, exposicións e roteiros son as principais propostas para o Día dos Museos, unha celebración que se prolongará ata finais deste mes. Toda a programación conmemorativa do Día dos Museos pódese consultar na Axenda de Cultura, a través da páxina web cultura.gal.

A música e Picasso, protagonistas en Belas Artes
Para celebrar esta data, o Museo de Belas Artes da Coruña propón unha fin de semana de concertos, visitas guiadas e horario especial arredor da exposición ‘O primeiro Picasso’. Esta programación especial, que se desenvolverá desde mañá venres e ata o domingo, comezará o día 15 de maio cun concerto de Xoel López que terá lugar ás 20,30 horas. O artista, que regresa á súa cidade natal, avanzará algúns dos temas do seu próximo traballo, ‘Paramales’. As entradas sortearanse no facebook do museo e en emisoras de radio locais.

Con motivo da Noite dos Museos, o sábado 16 de maio, Belas Artes abrirá as súas portas ata as 24 horas, ademais de ofrecer visitas guiadas gratuítas con carácter extraordinario á súa exposición sobre Picasso, para grupos de 25 persoas nos seguintes horarios: 19,30, 20,30 e 21,30 horas. As persoas interesadas deberán anotarse a partir do 11 de maio no teléfono 881 881 700. A xornada do sábado na Coruña tamén incluirá un concerto de jazz a cargo de Roberto Somoza Trío. Acompañado de Naíma Acuña e Álex Salgueiro, o artista interpretará temas de ‘Cal e Area’, un disco no que lle rende homenaxe ao mítico músico de Betanzos Antonio Cal.

Para pechar a semana, o museo coruñés programa unha nova visita guiada, ás 12,30 horas, á exposición ‘O primeiro Picasso’, con inscrición previa, xunto co taller ‘Picasso en familia’, unha divertida proposta para achegarse ao neno Pablo Picasso e á Coruña á que chega a finais do século XIX a través do xogo e o diálogo coas da mostra obras, dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, acompañados por un adulto. A inscrición para participar pode realizarse a partir do 11 de maio.

Filgueira Valverde no Museo Centro Gaiás
Na capital de Galicia, o Museo Centro Gaiás celebra o Día dos Museos por partida tripla. Do 16 ao 18 de maio, ofrece xornadas de portas abertas, visitas guiadas especiais, obradoiros, xogos, conferencias, concertos e todo un programa de actividades baixo o patrocinio de Vodafone que farán que entrar no museo sexa unha experiencia máis que divertida.

O sábado 16, o domingo 17 e o luns 18 de maio, xornada na que se celebra en todo o mundo o Día dos Museos, a entrada á exposición ‘Camiño. A orixe’ será de balde. E como a celebración desta data coincide co Día das Letras Galegas, ás xornadas de portas abertas e ás visitas guiadas á exposición súmanse as Visitas Filgueira Valverde, un percorrido no que descubrir a figura deste intelectual galeguista a través de varias pezas da mostra e xogos para gozar en familia. Ademais, a Cidade da Cultura convida o día 16 a pequenos e maiores a facer seu o Museo Centro Gaiás, con actividades para todas as idades.

‘Geocaching’ no CGAC
Santiago tamén contará coas propostas do Centro Galego de Arte Contemporánea, que se suma a esta celebración cunha xornada de portas abertas o propio día 18. Ademais, toda esa semana terá lugar o ‘geocaching’, unha actividade na que os xogadores buscan ou agochan tesouros (cachés) ocultos. Deste xeito, para atopar os cachés ocultos, o público mergullarase nos diferentes espazos do CGAC e percorrer as exposicións seguindo as pistas que se marcan nunha aplicación móbil gratuíta para tal fin. Tamén durante toda a próxima semana, e seguindo o lema de “Museos para unha sociedade sustentable”, o Centro Galego de Arte Contemporánea quere representar a relación entre biodiversidade e a diversidade sociocultural mediante a entrega aos visitantes de plantóns procedentes de sementes ecolóxicas co obxecto de que cada persoa se encargue de froitificalas. Un taller de fotografía, charlas, conferencias e concertos completan a actividade do CGAC con motivo do Día Internacional dos Museos.

A programación de Cultura e Educación na cidade compostelá completarase coas actividades do Museos das Peregrinacións e de Santiago e mais do Mupega. Do 19 ao 22 de maio, o primeiro desenvolverá visitas teatralizadas ao museo para alumnado de secundaria, nas que a compañía TEP Teatro en Punto fará revivir “as Marías”, dúas figuras imprescindibles das rúas compostelás, para achegar os estudantes á historia da capital de Galicia. Ademais, este mes de maio o Museo da Peregrinacións e de Santiago estrea un novo formato de visitas dinamizadas aos fondos da súa colección, para lle descubrir ao alumnado de primaria e secundaria a historia e a arte dun xeito singular. Finalmente, tamén haberá xornadas de portas abertas no museo de 10 a 15 horas, con visitas guiadas de 30 minutos de duración que non precisan inscrición previa.

Ao abeiro do lema deste ano, ‘Museos para unha sociedade sustentable’, o Mupega sumarase a esta conmemoración con diversas propostas entre os días 18 e 23 de maio, que inclúen visitas guiadas pola historia da educación ambiental e mais da sustentabilidade na aulas e nas escolas a través da súa colección, xunto coa exposición temporal ‘A escola tamén é sustentable’, que se poderá visitar do 13 ao 16 de maio.

Propostas arqueolóxicas no Museo Massó
O Museo Massó de Bueu, en Pontevedra, presentará o día 15 de maio a publicación ‘O mundo antigo no Museo Massó e a romanización en Bueu’, mañá venres, ás 20:30 horas. Da autoría de Fructuoso Díaz e editada pola Consellería de Cultura e Educación, a obra dá a coñecer as conclusións da escavación arqueolóxica realizada no depósito romano de Pescadoira, na que foron atopados os restos dunha factoría de salgadura, un obradoiro de ánforas e unha vila.

Ademais, o Museo Massó tamén organizará o venres 29 de maio, ás 20:30 horas, unha charla sobre a ánfora romana de San Martiño de Bueu, unha das pezas singulares do museo, impartida polo arqueólogo Adolfo Fernández e a restauradora Marta Lago.

En Vigo, o Museo do Mar de Galicia, celebrará unha xornada de portas abertas completamente de balde durante toda a xornada do domingo, día das Letras Galegas, nun horario de 10 a 14 e de 17 a 19 horas. Ademais de visitar as exposicións permanentes do Museo, quen acudan poderán contemplar o impresionante esqueleto dun cachalote e un submarino orixinal, así como o acuario onde se mergullarán nun anaco dunha ría galega para ver algunhas das especias que nela habitan. Precisamente durante toda esta fin de semana e ata o domingo día 24, os interesados poderán seguir desfrutando da exposición itinerante “Tierra, mar, aire” da Fundación Aena, que leva rexistrada unha grande afluencia de público ata o momento.

Obradoiros de fotografía, en Ribadavia
Na provincia de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia programará do 18 ao 31 de maio obradoiros de fotografía para escolares dos concellos ourensáns, para dar a coñecer os seus fondos, que inclúen unha visita á área documental do museo e mais ao taller de restauración. Pola súa parte, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organizará xornadas de portas abertas do 19 ao 22 de maio, con visitas guiadas para grupos, ás 12 horas, ao Pazo do Bispo, previa inscrición.

A programación do MAPOu completarase cunha actuación de Fernando Abreu (clarinete) e Pablo Carrera (guitarra), que o 18 de maio presentarán o seu traballo ‘Dous’; coa presentación da exposición ‘Propostas arquitectónicas para a rehabilitación do MAPOu’, o día 19 ás 12 horas no Pazo do Bispo; cunha visita guiada ao parque de San Lázaro ás 12 horas e a presentación da ‘Peza do mes de maio’ –unha fotografía dos anos cincuenta do dito parque–, a cargo de Vicente Rodríguez García na sala de San Francisco, o día 20; coa presentación, o día 21 de maio, da exposición ‘Castros lucenses’, no Centro da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las; e, finalmente, o venres 22 terá lugar a actividade ‘Conversas no museo’, co Colexio de Arquitectos de Ourense, no Pazo do Bispo.

Obradoiros para coñecer a cultura castrexa
O Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, tamén se suma á celebración con diversas propostas para o 16 de maio. Ás 17,30 horas, a Asociación Cultural Os Valouros, de Castro de Rei, ofrecerá unha actuación de música tradicional no xardín do museo, mentres que no castro se realizarán diversas actividades e obradoiros arredor da época castrexa, con reconstrucións de pezas de cerámica, realización de tecidos e simulación de sons castrexos. A continuación, ás 20 horas, o museo ofrecerá un concerto a cargo do grupo galego de blúes Miki Nervio & The Bluesmarkers. Para rematar a xornada, ás 22,30 horas haberá unha visita nocturna ao castro. Finalmente, o propio 18 de maio, ás 11,30 horas, o museo acollerá o espectáculo A-TA-KA, do grupo Cal y Canto, que inclúe coreografías con comentas de animais fantásticos.

Comparte