Nova: Máis de 30 autores analizan a figura de Filgueira Valverde nos Cadernos Ramón Piñeiro
14/05/2015
Máis de 30 autores analizan a figura de Filgueira Valverde nos Cadernos Ramón Piñeiro
Presentouse o volume XXXI, que leva por título Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura
Pontevedra, 14 de maio de 2015.- O Museo de Pontevedra –institución dirixida no seu día polo autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015- acolleu a presentación do XXXI volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, que leva por título Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura.
No acto de presentación do caderno estivo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado ppor Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; Ana Isabel Vázquez Reboredo, deputada provincial de Cultura; Xosé Fernando Filgueira Iglesias, presidente da Fundación Filgueira Valverde; Luís Cochón Touriño, editor do volume; e Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra e autor dun dos traballos do volume.
Unha trintena de análises
O conselleiro valorou a contribución dos máis de 30 autores que analizan a figura de Filgueira nesta publicación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) por axudaren a abarcar e comprender a inmensa obra do autor a quen se lle dedican este ano as Letras, quen destacou, non só como escritor ou investigador, senón tamén “nos seus cargos e responsabilidades públicas”. Como exemplo destas últimas puxo Román Rodríguez o seu papel no Museo de Pontevedra, “a súa defensa da presenza do galego no ensino naquelas Cortes de 1970 ou a súa participación nos debates que regularon a incorporación da lingua galega ao sistema educativo de 1979”.
Por iso concluíu que a sociedade galega actual é “definitivamente mellor grazas ao esforzo de Filgueira” e mostrouse seguro de que, quen afonde na súa obra mediante a lectura do volume XXXI dos Cadernos Ramón Piñeiro “compartirá comigo o desexo de que a sociedade galega se sume á homenaxe que, da man da Real Academia, se lle rende xustamente para celebrar, un ano máis, a festa das Letras, espazo de confluencia e de unión dos bos e xenerosos arredor da súa lingua e da súa literatura”.
Un caderno multidisciplinar para un autor polifacético
Estudosos de diferentes especialidades completan coas súas achegas o XXXI volume, editado polo CRPIH. Ana Acuña, Xesús Alonso Montero, Anxo Angueira, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xusto Beramendi, Antonio Blanco Freijeiro, Merdedes Brea, Antonio Gudianes, Xabier Ron, Arturo Casas, Francisco Cerviño González, Rafael Chacón, Esther Corral Díaz, Xosé Manuel Dasilva, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Cecilia Doporto Regueira, José Docobo Martínez, Elvira Fidalgo, Manuel Forcadela, Carlos García Martínez, Elsa Gonçalves, Cipriano Luís Jiménez Casas, Éliane Lavaud-Fage, Arcadio López Casanova, Antón Lopo, Basilio Losada, Isidoro Millán González-Pardo, Fernando Otero Urtaza, Manuel Regueiro Tenreiro, Pegerto Saavedra, Xoán Carlos Valle Pérez e Ramón Villares, baixo a coordinación de Luís Cochón e de Laura Mariño Taibo, abordan nos seus artigos dende as súas relacións persoais co autor homenaxeado ata a produción literaria de Filgueira, pasando polo papel do polígrafo pontevedrés como político e como creador das institucións culturais relevantes da Galicia actual.
Cadernos polas Letras Galegas
Os Cadernos Ramón Piñeiro -coordinados polos profesores Luís Cochón, Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez- son o órgano de expresión do proxecto de investigación homónimo que a Consellería de Cultura e Educación mantén dende hai 12 anos no CRPIH. Dende esta data, lévanse publicados 31 volumes arredor do pensamento e da cultura galegas e, en especial, de escritores relevantes da nosa literatura. Entre eles, figuran os autores homenaxeados con motivo das Letras Galegas, obxecto de interesantes estudos coma os que constitúen Xosé Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura.
O Centro Ramón Piñeiro
O CRPIH é un organismo dependente da Consellería de Cultura e Educación que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva dende un punto de vista antropolóxico.