Nova: A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Lalín

14/05/2015

A mostra itinerante sobre Filgueira Valverde chega a Lalín

Cultura e a Deputación de Pontevedra levaranlle esta exposición a 22 concellos galegos, co gallo da conmemoración do Día das Letras

Lalín (Pontevedra), 14 de maio de 2015.- A mostra ‘Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’, organizada pola Consellería de Cultlura en colaboración coa Deputación de Pontevedra, chegou ao Auditorio municipal de Lalín como primeira parada da súa itinerancia pola provincia de Pontevedra, ao tempo que outra mostra xemelga percorre diversos municipios da Coruña, Lugo e Ourense. En total, un total de 22 concellos galegos albergarán esta exposición co gallo do Día das Letras, ademais da exposición ampliada que permanecerá ata fin de ano no Museo de Pontevedra.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, estivo na apertura da exposición en Lalín. No transcurso do acto, salientou a figura de Filgueira como participante, promotor e peza chave de proxectos básicos da nosa cultura. Así mesmo, sinalou ao pontevedrés como unha referencia para o futuro, pola súa implicación con Galicia. Neste sentido, destacou a importancia de actividades como esta mostra, que contribúen a difundir e poñer en valor a vida e a obra da figura homenaxeada co Día das Letras Galegas do ano 2015 pola Real Academia Galega.

No evento participaron, ademais, o alcalde de Lalín, José Crespo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; e mais a concelleira de Cultura de Lalín, María Álvarez; entre outras autoridades.

Traxectoria vital
‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’ componse de paneis informativos estruturados en dous bloques nos que se fai un percorrido polo traballo do intelectual na promoción da lingua galega, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. A instalación, comisariada por Carlos Valle e Ana María Costas, recolle asemade as súas facetas profesionais como polígrafo, escritor ou historiador, nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía. A mostra acompáñase dun detallado folleto de 12 páxinas que compila os datos esenciais e que se entregará a todos os visitantes.

Tras a súa parada en Lalín, onde se poderá visitar ata o 5 de xuño, a mostra percorrerá da man da Deputación outros 8 concellos da provincia de Pontevedra. Nas outras tres provincias, a Xunta de Galicia levou ao concello de Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), e continuará a súa itinerancia pola Coruña (Biblioteca González Garcés), Foz (Centro Cenima), Melide (Casa da Cultura), Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).
 

Comparte