Nova: Títeres e novo circo, nas primeiras citas de Cultura no Camiño na cidade de Ourense

15/05/2015

Títeres e novo circo, nas primeiras citas de Cultura no Camiño na cidade de Ourense

Viravolta representará mañá ‘A caixa de música’ na praza de San Martiño e Culturactiva ofrecerá un combinado de circo galego o domingo nos xardíns Padre Feijoo

A programación completarase no mes de xuño cun recital da cantante Palito e un concerto-baile a cargo de Pesdelán

  • Imaxe do espectáculo 'Títeres Viravolta' Imaxe do espectáculo 'Títeres Viravolta'
  • Imaxe do espectáculo 'Pesdelan' Imaxe do espectáculo 'Pesdelan'
  • Imaxe do espectáculo de Novo Circo Imaxe do espectáculo de Novo Circo

Ourense, 15 de maio de 2015.- ‘Cultura no camiño’ chega esta fin de semana a Ourense coas actuacións mañá sábado día 16 da compañía galega Títeres Viravolta, na praza de San Martiño, e o domingo 17 do colectivo de novo circo Culturactiva, nos xardíns Padre Feijoo. As dúas citas serán as primeiras na cidade deste circuíto cultural e de lecer organizado pola Xunta de Galicia e os concellos participantes.

A proposta de monicreques ‘A caixa de música’, a última produción de Títeres Viravolta, será a que utilizará como escenario a praza de San Martiño, onde a partir das 21.00 horas se representará este espectáculo, de gran atractivo visual pola iluminación que se emprega a través de cores reflectidas sobre a luz negra.

Ao día seguinte, domingo 17 de maio, o novo circo ocupará ás 18.00 horas os xardíns Padre Feijoo da man do colectivo Culturactiva (do que forman parte formacións como Circo Expreso, Os Sete Magníficos máis Un, Roi Sixto, Trasno, Fredi ou Peter Punk, entre outras) e a selección de números circenses que se executan baixo o título ‘Pistactiva: combinado de circo galego’. Trátase dun espectáculo dobre, de 90 minutos de duración, que mestura clown, malabares, acrobacias e aéreos.

Recital con guitarra e concerto-baile
A programación continuará o 6 de xuño co concerto de Palito, nome artístico da pontevedresa Alba Redondo, quen interpretará unha escolma de composicións da súa autoría co acompañamento á guitarra de Javier López de Guereña ‘Zahori’. O recital terá lugar ás 21.00 horas, de novo na praza de San Martiño, anexa á catedral ourensá.

‘Cultura no Camiño’ despedirase de Ourense o 24 de xuño co grupo de música tradicional galega Pesdelán, que ofrecerá un concerto-baile no recinto da alameda ás 19.00 horas para lle convidar a toda a familia a sentir a cultura popular galega. Así, mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público presente, Pesdelán pretende recuperar o espírito participativo das festas populares e integrar nel a todas as persoas, con independencia da idade, condición física ou experiencia.

O calendario completo de actividades está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).
 

Comparte