Nova: A II Carreira Camiño das Letras festexou a lingua e cultura galegas desde o ámbito do deporte
16/05/2015
A II Carreira Camiño das Letras festexou a lingua e cultura galegas desde o ámbito do deporte
Tivo como obxectivo celebrar as Letras Galegas e poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte
Santiago, 16 de maio de 2015.- A II Carreira Camiño das Letras celebrouse hoxe en Santiago e contou coa participación na saída do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Tratouse dunha proba cultural e deportiva, na véspera do día grande das Letras Galegas. Cun percorrido de 8 quilómetros pola ruta xacobea desde A Lavacolla ata o Monte do Gozo, a carreira, organizada por Xurdir, combina o simbolismo do Camiño de Santiago e mais o seu atractivo cultural e turístico coa conmemoración do Letras Galegas, que este ano a Real Academia Galega lle dedica ao polígrafo e humanista pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde. O evento desportivo tivo como padriño ao presentador Roberto Vilar.
Festexar a lingua e a cultura galegas desde o deporte
Un dos obxectivos da carreira foi incidir na promoción do uso do galego no deporte por medio dun evento no que participa especialmente a xente nova e no que soe quixo implicar tamén este ano á xente miúda, por medio das tres novas categorías que se incluiron como novidade. O obxectivo foi o de favorecer a participación da cidadania na conmemoración das Letras Galegas, así como na difusión da nosa literatura e dos nosos escritores e escritoras.
II Carreira Camiño das Letras
A II Carreira Camiño das Letras tivo lugar en Santiago ás 17.30 horas. Para amosar a relevancia da nosa literatura e plasmar a importancia do Camiño de Santiago como unión entre os pobos e como mostra de sacrificio individual, fíxoselle entrega a cada participante dun libro e dun diploma Camiño das Letras.
Ademais, os tres primeiros clasificados da proba absoluta e de cada unha das categorías recibiron un trofeo e un lote de libros. Os tres primeiros clasificados das categorías de alevín a veterano recibiron un lote de libros e todos os participantes das categorías pitufo, benxamín e prebenxamín (as tres, incluídas como novidade desta segunda edición), recibiron un libro adaptado á súa idade. O centro escolar e o club cuxo maior número de alumnado rematou a proba recibiron tamén un trofeo e un lote de libros.
Roberto Vilar, padriño da carreira
A II Carreira Camiño das Letras, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, estivo apadriñada polo actor e presentador Roberto Vilar, que foi o encargado de dar a saída na categoría absoluta, ademais de facer entrega dalgúns dos premios ao remataren as distintas probas.
A carreira constou dunha proba absoluta, de 8 quilómetros, que saíu ás 17:30 horas desde a estrada nacional 634 sen tránsito pegada ao aeroporto da Lavacolla ata o Monte do Gozo. Doutra parte, as categorías de menores (pitufo, benxamín-prebenxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil) realizaron as probas nun circuíto no Monte do Gozo a partir das 18:50 horas.