Nova: ArtesaCía representa no Salón Teatro un documental escénico sobre a emigración galega de primeiros do século XX
20/05/2015
ArtesaCía representa no Salón Teatro un documental escénico sobre a emigración galega de primeiros do século XX
‘Balor na acción dunha cadeira’, título da montaxe que poderá verse na sede do CDG hoxe e mañá, reconstrúe a historia de tres emigrantes no Nova York dos anos vinte cunha posta en escena contemporánea
A programación continuará o venres cun concerto de Jacobo Paz & Dos Mundos, programado a través da nova plataforma web elijomisartistas.com
O sábado terá lugar a proxección do documental ‘O Piloto’, producido e dirixido por Xosé Reigosa, arredor da figura do guerrilleiro antifranquista Xosé Luís Castro Veiga
Santiago, 20 de maio de 2015.- A nova compañía ArtesaCía preséntase esta semana en Santiago de Compostela co seu segundo espectáculo, ‘Balor na acción dunha cadeira’, unha proposta que aborda a emigración galega de primeiros do século pasado desde unha linguaxe teatral contemporánea. Este “documental escénico”, tal e como é definido polos seus creadores, abre a carteleira semanal do Salón Teatro con dúas funcións hoxe mércores 20 e mañá xoves 21, ás 20.30 horas, que darán paso a un concerto de Jacobo Paz & Dos Mundos o venres 22 e á proxección da fita ‘O Piloto’ o sábado 23.
O intento de recuperar unha historia familiar esquecida –a do bisavó do director desta montaxe, Roi Fernández– serve de motor para un proceso de creación multidisciplinar que ten o seu punto de partida nunha vella película dos anos vinte procedente da sociedade de emigrantes de Sada en Nova York. Os poucos fotogramas que sobreviven ao mofo e á humidade amosan unha nena bailando sobre unha cadeira, ao tempo que dan pé ao intento de reconstrución das imaxes perdidas e da historia de tres emigrantes galegos. Estes, tras cruzar o Atlántico por necesidade, regresan a Galicia para poñer en marcha as chamadas escolas modernas co obxectivo de lles ofrecer aos seus veciños un futuro mellor.
Recursos vangardistas
A partir de diferentes hipóteses sobre esta historia, as interpretacións da actriz Laura Villaverde e dos actores Simón Piñón e Gustavo Fouce enchen os baleiros na película para revisar a nosa tradición migratoria e reflexionar sobre a multiplicidade da historia, a educación, a cultura ou a relixión. Todo isto a través dunha linguaxe contemporánea e unha posta en escena vangardista na que se combinan o documental, o cine en directo, o ‘video mapping’, a iluminación e a composición sonora nun proceso de creación multidisciplinar.
Xunto ao trío actoral e ao director Roi Fernández, quen asina tamén a dramaturxia e mais o deseño de iluminación xunto a Héctor Pazos, ‘Balor na acción dunha cadeira’ conta co espazo sonoro composto por Madamme Cell e o vestiario de Érica Oubiña.
Esta é a segunda proposta escénica de ArtesaCía, tras a estrea en 2012 de ‘Uvas de collón de ghalo’. Agora, a formación fundada por Laura Villaverde e Roi Fernández presenta en Santiago o resultado do proxecto co que inaugurou o programa de residencias técnicas do Teatro Colón da Coruña, onde tivo lugar a estrea do espectáculo o pasado mes de febreiro. Ademais, ‘Balor na acción dunha cadeira’ contou para a súa realización cunha axuda da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción escénica para compañías de nova creación.
As entradas para as súas dúas funcións en Santiago poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal (desde hoxe e ata o xoves, de 18.00 a 21.00 horas) ou no do Salón Teatro hoxe e o xoves desde as 18.30 horas.
Evento de Elijomisartistas.com
A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará o venres 22, ás 21.00 horas, cun concerto de pop-rock a cargo de Jacobo Paz & Dos Mundos e a favor da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec). Tras unha temporada apartado dos escenarios, o intérprete coruñés volve poñerse á fronte da súa banda para presentar un adianto do seu segundo disco nunha actuación programada a través da nova plataforma web Elijomisartistas.com.
Esta iniciativa, seleccionada polo programa Galician Open Future da Xunta de Galicia e Telefónica, propón un novo xeito de xestionar eventos culturais baixo demanda dos usuarios, que reservan a súa entrada de antemán co obxectivo de propiciar a actuación na súa localidade dun dos artistas rexistrados na plataforma. Garántese, así, a plena ocupación nas actividades, que comezan a organizarse unha vez obtida a demanda suficiente para completar ou superar o seu custo.
Proxección audiovisual
A oferta cultural no Salón Teatro para esta semana completarase coa proxección o sábado 23, ás 20.30 horas, do documental ‘O Piloto’. A Agrupación Cultural O Galo promove a estrea en Compostela desta fita arredor da figura do guerrilleiro antifranquista Xosé Luis Castro Veiga, coñecido popularmente como ‘O Piloto’. O fotógrafo Xosé Reigosa é o produtor e director desta fita, realizada a partir do guión de Afonso Eiré.
A entrada para asistir a esta sesión cinematográfica é gratuíta e xa se pode reservar a través do web www.acogalo.net.