Nova: A internacionalización, liña de actuación estratéxica para a cultura galega
22/05/2015
A internacionalización, liña de actuación estratéxica para a cultura galega
A Xunta avoga por impulsar políticas culturais de proxección exterior
Santiago, 22 de maio de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse á internacionalización como “unha das liñas de actuación estratéxicas” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a prol do desenvolvemento da cultura galega. Fíxoo durante a súa comparecencia a petición propia na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde informou esta mañá do traballo que está a desenvolver o seu departamento en materia de proxección exterior cultural, un traballo que se debe basear, segundo explicou, “nunha estratexia coordinada e planificada, coherente coa realidade actual, entendida a medio e longo prazo e construída desde o consenso, xa que unha cultura aberta e plural debe fornecerse desde a participación de todos os actores socioeconómicos e políticos”.
“A internacionalización é crucial para a cultura galega, porque supón a proxección exterior dunha imaxe de marca Galicia e porque supón tamén unha oportunidade de negocio para a industria cultural galega”, afirmou. Nese sentido, defendeu que “a produción cultural galega debe estar presente nos principais eventos creativos que se realicen en todo o mundo”, tendo en conta as necesidades e oportunidades para os diferentes sectores da cultura. Concretamente, apostou por unha proxección prioritaria cara aos países lusófonos, con especial atención á cooperación transfronteiriza con Portugal, cara aos países latinoamericanos e tamén cara a Europa, onde existen indubidables conexións históricas, demográficas, culturais e lingüísticas”.
O secretario xeral destacou a necesidade de “trazar áreas estratéxicas prioritarias máis adaptadas ás necesidades reais dos nosos sectores culturais, dándolle prioridade, por exemplo, á nosa presenza nos mercados e feiras que lles resultan realmente útiles e relevantes, así como de “crear conxuntamente novas canles de apoio ás nosas empresas e creadores, que están demostrando a súa eficacia como motores de impulso da nosa proxección cultural exterior.
A literatura galega, protagonista en Arxentina
A este respecto, fixo fincapé en eventos recentes como o MICAtlántica, a asistencia ao MICSur ou a celebración do Womex 2014 en Galicia, así como tamén en próximos eventos de relevancia para a proxección da cultura galega, como a celebración dunha nova edición do Womex na nosa terra ou a presenza da capital de Galicia como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires en 2016”. “Dúas novas fitas para a nosa cultura que coido dan boa conta de que estamos a traballar arreo tamén a nivel institucional, con estratexia e con visión de futuro”.
No ámbito editorial, ademais da participación de Galicia nas principais feiras internacionais do libro, referiuse á liña de axudas á tradución e a diversos proxectos que se están a impulsar en colaboración con diversas entidades, como o proxecto o portal web da literatura galega en inglés Portico of Galician Literature, a colección Galician Classics, o catálogo do libro infantil e xuvenil que se publica en coordinación con Gálix en galego, castelán e inglés para a súa distribución en feiras internacionais de todo o mundo ou o obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’.
Diálogo escénico coa lusofonía
No ámbito das artes escénicas destacou os importantes intercambios teatrais con Portugal, Brasil e Cataluña a través do Centro Dramático Galego, que permitiu, por exemplo, que o principal teatro portugués, o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, incorporase por vez primeira ao seu repertorio un título dun autor galego, concretamente a obra ‘Saxo Tenor’, de Roberto Vidal Bolaño.
Nesta aposta polo diálogo coa lusofonía, tamén se referiu ao marco legal que supuxo a aprobación da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, así como aos memorandos de entendemento asinados recentemente ao seu abeiro, como o asinado pola Xunta de Galicia co Instituto Camões para impulsar o ensino do portugués en Galicia e coa Dirección Rexional de Cultura do Norte e coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, que, segundo dixo, supón un punto de inflexión na programación de actividades conxuntas no ámbito do libro, da literatura e das bibliotecas. Así mesmo, recordou a estreita colaboración co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a través de iniciativas como son a mostra de música e a bienal de pintura.
Tamén se referiu ás distintas convocatorias de axudas promovidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), “tanto co fin de favorecer a distribución exterior da produción cultural escénica e musical galega, en espazos escénicos, feiras ou festivais fóra de Galicia, como de garantir un apoio sustentable á presenza da nosa cultura e dos seus profesionais nas principais feiras e mercados culturais internacionais”.
Reforzo á internacionalización do audiovisual
Especial mención fixo á proxección exterior do audiovisual galego, “posto que nos últimos anos vimos reforzando a súa internacionalización de xeito notable, favorecendo a presenza das empresas audiovisuais galegas nos principais merca¬dos do sector –no EFM de Berlín, no Ventana Sur de Bos Aires, no MIPTV, no Marché du Film e no MIPCOM de Cannes– e ofrecéndolles, tamén neste caso, novas vías de desenvolvemento a través de acordos estratéxicos con outros territorios, fundamentalmente no ámbito latinoamericano”.
“En definitiva, coido que estamos a favorecer que os nosos sectores culturais conten con novas oportunidades de desenvolvemento exterior, tanto dentro como fóra de Galicia”. “E neste camiño –engadiu– seguiremos afondando, convencidos de que só mediante esta estratexia conxunta, única e coordinada poderemos reforzar os alicerces do posicionamento da nosa cultura no exterior e facelo, ademais, dunha forma máis estable, permanente e sustentable”.