Nova: O CDG presenta en Lisboa a figura de Vidal Bolaño como paradigma do diálogo cultural entre Galicia e Portugal
27/05/2015
O CDG presenta en Lisboa a figura de Vidal Bolaño como paradigma do diálogo cultural entre Galicia e Portugal
O director da compañía pública participou na última xornada do ciclo 'Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro', onde introduciu a proxección do filme ‘Doentes’ no Teatro Nacional D. Maria II
Lisboa, 27 de maio de 2015.- O director do Centro Dramático Galego (CDG), Manuel Guede Oliva, reivindicou en Lisboa a figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño como paradigma do diálogo cultural posible entre Galicia e Portugal. Fíxoo no marco do ciclo ‘Portugal-Galicia: escenarios para un encontro’ que a pasada noite celebrou a súa última xornada no Teatro Nacional D. Maria II (TNDMII) coa proxección de ‘Doentes’, filme dirixido por Gustavo Balza en 2011 a partir da obra homónima do autor compostelán.
No acto, Guede Oliva fixo referencia á relevancia da traxectoria de Vidal Bolaño dentro do sistema teatral galego, así como á importancia da linguaxe cinematográfica na súa escrita. O responsable do CDG situou ademais ‘Doentes’ como título emblemático no conxunto da produción teatral bolañana e parte do territorio temático común dun corpus que denominou de “xeografía histórica”, dentro do que inscribiu outras obras cumio do dramaturgo como ‘Agasallo de sombras’, ‘Días sen gloria’, ‘As actas escuras’ ou ‘Rastros’.
Así mesmo, sinalou a Vidal Bolaño como protagonista do acordo de intercambio de autores escénicos establecido entre as administracións galega e lusa, e como exemplo de que o diálogo cultural transfronteirizo é xa unha realidade. Proba disto é a estrea da versión en portugués de ‘Saxo tenor’ polo TNDMII o pasado 7 de maio (espectáculo que, precisamente esta fin de semana, visitará o Teatro Principal de Santiago de Compostela), en tanto que o Centro Dramático Galego se presentará en reciprocidade a partir de mañá en Lisboa coa súa produción de ‘Xardín suspenso’, do autor portugués Abel Neves.
De feito, o ciclo de actividades ‘Portugal-Galicia: escenarios para un encontro’, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, enmárcase na estrea da adaptación lusa da obra 'Saxo tenor', o primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público portugués.
Novos puntos de encontro
A través desta iniciativa, procuráronse novos puntos de encontro entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro. A programación, que incluíu tres xornadas, arrancou cunha mesa redonda que o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, compartiu con recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia para reflexionar sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. Tamén participaron a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; o director do ‘Jornal de Letras', José Carlos Vasconcelos, e o subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego, que actuou de moderador.
Ademais, o martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uníronse no recital poético ‘Voces compartidas', da man das poetas galegas e Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa portuguesa Maria João Cantinho. A xornada rematou cun concerto a cargo do compositor galego Xoán Curiel, acompañado polo músico brasileiro Sérgio Tannus.