Nova: Nova fase do plan de mantemento da muralla de Lugo

28/05/2015

Nova fase do plan de mantemento da muralla de Lugo

Investirase máis de 640.000 euros para garantir a conservación deste Ben de Interese Cultural que é, ademais, Patrimonio da Humanidade

Estas obras elevan o investimento da Xunta na Muralla a máis de 4,1 millóns de euros desde 2009

Santiago, 28 de maio de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica a licitación do contrato de obras do Plan de mantemento da muralla romana de Lugo 2015-2016, que suporá un investimento de máis de 640.000 euros. A formalización do contrato publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, e pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150528/AnuncioG0164-150515-0005_gl.html .

Esta actuación ten como obxectivo garantir a conservación dun dos símbolos máis senlleiros da nosa Comunidade Autónoma e que é, ademais, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade. A nova fase do Plan únese á xa contratada polo Goberno galego para o período 2011-2014, de tal forma que o investimento da Xunta nas tarefas de limpeza e mantemento do monumento lucense ascenden a máis de 1,7 millóns de euros. Polo demais, o investimento da Xunta de Galicia na muralla desde 2009 – entre actuacións realizadas, en execución e previstas- elévase a máis de 4,1 millóns de euros.

O proxecto de intervencións publicado recolle actuacións continuas e periódicas para solventar os danos causadas por axentes de deterioro persistentes como son a reparación dos solados, das fábricas e topetes ou os tratamentos para eliminar a vexetación dos lenzos da muralla. Así mesmo, a estas actuacións habituais xa desde 2011, únense outras relacionadas coa reparación das pegadas de actuacións e instalacións desaxeitadas e xa obsoletas que afectaron á muralla. Neste último caso, por exemplo, contémplase a eliminación de enfuscados de cementos, elementos metálicos restos de instalacións antigas ou os restos de sinais e estruturas desmontadas como consecuencia da apertura da ronda interior ao retirar os muros en contacto coa muralla das fincas de particulares.

Ademais, e en base aos resultados do control da flora vascular realizado pola Universidade de Santiago de Compostela entre 2011 e 2014, o novo plan inclúe un control medioambiental, aos efectos de establecer o protocolo de actuación dos tratamentos fitosanitarios, tanto para determinar o momento de aplicación como para definir o xeito da aplicación. O obxectivo é non afectar ás especies protexidas residentes na muralla nin, por suposto, a poboación e conseguir que sexan máis eficaces reducindo progresivamente a concentración de glifosatos e introducindo bioherbicidas.

Por outra banda, ademais do ascensor que se atopa en execución para acceder ao adarve, nestes momentos estase levando adiante as obras para a restauración do adarve e lenzos no ámbito da Porta Miñá, traballos que contan cun orzamento duns 264.000 euros e que inclúen a substitución do pavimento dos cubos XXI e XXII, a limpeza e acondicionamento de paramentos na Porta Miñá, consolidación da súa torre dereita e a recuperación do arco superior e do forxado de madeira do mesmo.
 

Comparte