Nova: A Cidade da Cultura participa en Eslovenia nun congreso internacional como caso de éxito en redes sociais
29/05/2015
A Cidade da Cultura participa en Eslovenia nun congreso internacional como caso de éxito en redes sociais
O Centro Internacional de Artes Gráficas de Liubliana convida ao Gaiás a expoñer a súa estratexia dixital e analizar con outros profesionais europeos a relación dos museos e os novos medios
A Cidade da Cultura convértese na institución cultural galega con maior número de seguidores en redes sociais
Santiago, 29 de maio de 2015.- A Cidade da Cultura de Galicia participa como convidada nun congreso internacional sobre museos e novas tecnoloxías no que se analizará a súa estratexia en redes sociais como un caso de éxito.
O Centro Internacional de Artes Gráficas de Liubliana (Eslovenia) contará coa presenza da community manager da Cidade da Cultura, Rebeca Hermo, para explicar o funcionamento das redes sociais do Gaiás e o proceso que o levou a converterse na institución cultural galega con máis seguidores na rede.
Consciente da importancia da comunicación directa cos usuarios, a Cidade da Cultura está presente a día de hoxe en Facebook, onde conta con máis de 25.000 seguidores; Twitter (máis de 8.000), Youtube, Vimeo, Pinterest e, recentemente, vén de abrir o seu propio canal en Instagram.
Novos retos para as institucións culturais
O congreso ‘The power of new media: Daily Challenges for Cultural Institutions’ (O poder dos novos medios de comunicación: desafíos diarios para institucións culturais) busca analizar os desafíos que se lle presentan ás institucións culturais á hora de relacionarse cos seus usuarios e a importancia das novas tecnoloxías e os novos medios para lograr un diálogo máis próximo, directo e satisfactorio para ambas as dúas partes.
O congreso está organizado polo programa Forma MGLC, un proxecto que busca formar a profesionais no uso das ferramentas dixitais no ámbito cultural e que conta co apoio do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España.
Xunto coa community manager da Cidade da Cultura, o simposio contará coa presenza de David Gauntlett, profesor da Facultade de Medios, Arte e Deseño da Universidade de Westminster (Reino Unido); Peter Spetav, estratega dixital; e o xornalista e investigador de novos medios, Lenart J. Kucic.
A presenza da Cidade da Cultura neste congreso supón un paso máis na internacionalización desta institución cultural, obxectivo recollido no seu proxecto estratéxico ata 2018, e un recoñecemento ao seu labor no ámbito das redes sociais.