Nova: O Festival (S8) e o seu especial sobre Ken Jacobs, na carteleira desta semana no CGAI

01/06/2015

O Festival (S8) e o seu especial sobre Ken Jacobs, na carteleira desta semana no CGAI

O cineasta estadounidense, quen visita a Coruña con motivo da 6ª Mostra de Cinema Periférico, será obxecto dunha antoloxía a través das catro sesións na Filmoteca de Galicia

O CGAI é unha das cinco sedes do encontro, no marco do que tamén acollerá varias citas das seccións dedicadas á vangarda brasileira e ao cinema galego, incluíndo as proxeccións de ‘Límite’, de Mário Peixoto, e ‘Jet Lag’, de Eloy Domínguez Serén

A Coruña, 1 de xuño de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá esta semana unha retrospectiva do cineasta neoiorquino Ken Jacobs, quen visita A Coruña convidado pola (S8) 6ª Mostra de Cinema Periférico, que se desenvolverá nun total de cinco espazos da cidade do mércores 3 ao domingo 7 de xuño.

Como avance, mañá martes 2 arranca na sala de proxeccións do CGAI este ciclo dedicado a Jacobs, que consiste nun total de catro sesións: de martes a xoves, ás 20.30 horas, e o venres, ás 13.00 horas. As dúas primeiras insírese, á súa vez, na sección Desencadres, a través da que a filmoteca galega achégalle ao público cinéfilo a obra de creadores internacionais de difícil clasificación ou encadramento.

No caso do norteamericano Ken Jacobs, en activo desde finais dos anos cincuenta do pasado século, estamos a falar dunha das figuras máis importantes do cinema de vangarda, ámbito ao que chega desde a súa formación pictórica no expresionismo abstracto como discípulo de Hans Hofman. Este programa abrangue desde os seus primeiros traballos con Jack Smith ata os seus experimentos co 3D, pasando polas súas incursións no cinema íntimo e a súa deconstrución do cine primitivo.

O especial sobre Jacobs no festival (S8) estenderase tamén á Sede Afundación, que acollerá dous filmes ‘performances’ –‘Time Squared’ (venres 5) e ‘New Paintings’ (sábado 6)– e cunha master class, programada para o sábado 6 de xuño baixo o sorprendente título ‘Estamos no metro abarrotado e dígolle a Flo “somos ricos!”, quero dicir, en sensacións’.

Historia do cine brasileiro
No CGAI, terán lugar outras cinco citas da Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que conta, así mesmo, co apoio de Cultura e Educación como un dos seis festivais audiovisuais subvencionados este ano a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Así, dentro da sección dedicada á vangarda brasileira celebraranse dúas sesións que, programadas por Lila Foster baixo o subtítulo xenérico ‘Veja o Brasil’, ofrecen unha aproximación histórica ao cinema carioca: dunha banda, a través das curtametraxes que se exhibirán o xoves 4, ás 18.00 horas; e doutra, mediante a fita ‘Límite’, de Mário Peixoto, considerada por moitos a mellor película brasileira de todos os tempos (venres 5, ás 18.00).

O audiovisual galego atopa tamén o seu lugar nesta programación dentro da sección Sinais, que no caso do CGAI ofrece unha primeira recompilación de curtas (mércores 3, ás 18.00 h) e a fita ‘Jet Lag’, de Eloy Domínguez Serén (venres 5, ás 20.30 h).

A carteleira que a (S8) 6ª Mostra de Cinema Periférico desenvolverá na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe completarase coa proxección o sábado 6, ás 18.00 horas, dunha selección de traballos do festival convidado este ano: o 25 FPS de Zagreb (Croacia).

Comparte