Nova: As novidades editoriais e a lectura, protagonistas da semana en Ourense coas Feiras do Libro de Galicia 2015

02/06/2015

As novidades editoriais e a lectura, protagonistas da semana en Ourense coas Feiras do Libro de Galicia 2015

A cidade das Burgas acolle unha mostra da produción editorial máis recente, xunto con diversas actividades para lle achegar á cidadanía o libro e a lectura

Promovidas pola Federación de Librarías e a Consellería de Cultura e Educación, as feiras do libro realizarán en Vigo a súa próxima parada, do 3 a 12 de xullo

Ourense, 2 de xuño de 2015.- As Feiras do Libro de Galicia 2015 chegan a Ourense coa produción editorial máis recente e cun completo programa de actividades para lle achegar o libro e a lectura á cidadanía. A trixésima primeira edición desta cita ourensá coa cultura foi inaugurada esta tarde na rúa do Paseo da cidade das Burgas, “unha urbe que ten unha parte fundamental da súa historia nas letras e que conta cunha gran tradición de inquedanzas culturais e artísticas”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A Escola de Danza da Deputación de Ourense foi a encargada de abrir o acto de inauguración da feira, no que tamén interviñeron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera; o alcalde en funcións de Ourense, Agustín Fernández; e o escritor Alfonso Vázquez Monxardín, que foi o encargado de ler o pregón.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo asegurou que Galicia “conta cunha oferta da mellor calidade bibliográfica, en canto a contidos, capacidade creadora e ambición editorial, que queremos dar a coñecer, xunto con diversas propostas para todas as idades centradas no libro e na dinamización da lectura”.

Ao longo da semana, a rúa do Paseo será o escenario de contacontos, obradoiros, propostas musicais e teatrais xunto con presentacións e sinaturas de libros con autores como Vázquez Monxardín, Patricia Cachero, Ramón Caride, Alejandro Mínguez, Ramón Caride, Pablo Rubén Eyre e Manuel Blanco Desar, entre outros. A este amplo programa contribuirá a Biblioteca Pública de Ourense, xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, que conta cun espazo propio ao tempo que promove distintas actividades lúdicas para o estímulo da lectura.

Xunto coa biblioteca, tamén contan cun stand na feira A Serpe Edicións, Libraría A Nova, Libraría Cartabón, Libraría Espazo do Lector Nobel, Libraría Infantil e Xuvenil Zampacontos, Libraría Káthedra, Libraría La Viuda, Libraría Padre Feijóo, Libraría Pedreira, Libraría Platero, La Librería e a Deputación Provincial de Ourense.

Calendario 2015
Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas ata o mes de agosto.

Logo do seu paso por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, as feiras chegarán, xa no verán, a Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. En agosto regresará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

O calendario das Feiras do Libro de Galicia está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.

Comparte